Unanimidade na Lama para pedir xestións ao Goberno que permitan conducir aos emigrantes mexicanos
Por Redacción
O Pleno da Corporación do Concello da Lama acordou este xoves un acordo en termos pouco habituais no municipio, por unanimidade. Igual de pouco habitual é que o grupo municipal do PP do alcalde Jorge Canda apoiase unha moción presentada polos socialistas. A razón deste acordo inusitado é que detrás hai un colectivo con moito peso poboacional no concello, os emigrantes mexicanos.
Os socialistas da Lama levaron ao Pleno unha moción coa que pretendía que o Goberno local tomase unha postura determinante e solicitase a mediación do Executivo estatal para lograr que os veciños da Lama que emigraron a México e lograron alí a súa licenza de conducir poidan validala unha vez que regresen á terra.
Na actualidade, estes emigrantes mexicanos tan só poden conducir coa súa licenza de México durante seis meses en España, pero moitos regresaron xa para quedarse e outros pasan na Lama períodos máis longos de tempo.
"No noso concello hai moitos emigrantes retornados que non poden conducir máis de seis meses. Ademais, para unha persoa maior é moi complicado aprobar o carné en España, indican os socisliastas. Tal situación é a que motivou o acordo de todos os políticos electos, segundo informou o voceiro do grupo municipal do PSOE, Enrique Vaqueiro, ao termo da sesión plenaria.
En virtude da moción aprobada por unanimidade, instarase ao Goberno do Estado a que "esgote as vías xurídicas para asinar un convenio de colaboración co Goberno de México" para que se logre validar os permisos de conducir de toda esta poboación emigrante. No caso contrario, pídese ao Executivo central a regularización dos permisos aos "emigrantes mexicanos de máis de 65 anos que viven" no noso país".
A aprobación desta moción leva consigo, ademais, unha segunda liña de traballo que vai dirixida a axudar a outros colectivos de emigrantes mexicanos procedentes dos municipios veciños. Así, trasladarase o acordo unánimde a Corporación ao municipio pontevedrés de Ponte Caldelas e aos oursensanos de Avión, Beariz, Leiro, Boborás e Carballiño para que promovan acordos nos mesmos termos.
Os socialistas recordan na súa moción que o Goberno español xa ten subscritos acordos de colaboración deste tipo con outros país latinoamericanos, pero que non se alcanzaron co país ao que emigraron a práctica totalidade dos veciños da Lama que saíron ao exterior "debido ao ordenamento xurídico de México, onde cada un dos seus 31 estados establece uns requisitos diferentes para obter o permiso de condución, imposibilitou este acordo de validación".