Os Bombeiros celebran, sen desfile esta vez, o día do seu patrón
Sen o seu tradicional desfile, a petición do goberno municipal, celebraron este martes 8 de marzo os Bombeiros de Pontevedra o día do seu patrón, San Juan de Dios. Un sobrio acto institucional celebrado no parque de Domingo Fontán e unha misa na igrexa de Santiaguiño do Burgo foi a forma na que os bombeiros pontevedreses festexaron esta importante xornada.
Ao parque desprazáronse entre outros, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández, o intendente da Policía Local, Daniel Macenlle, o subdelegado do Goberno, Antonio Coello, e representantes doutros corpos e forzas de seguridade como Policía Nacional, Garda Civil, Policía Autonómica ou Protección Civil de Pontevedra.
No seu discurso, o xefe do servizo, Manuel Torres, agradeceu a colaboración de todos eles cos bombeiros pontevedreses para os que, actualmente, só un terzo das súas intervencións están relacionadas con incendios, polo que o traballo conxunto en materia de seguridade cidadá é "moi importante".
Ademais, Torres reclamou ao Concello de Pontevedra que "non cese" o investimento no parque pontevedrés para poder cubrir as necesidades do servizo.
Durante este acto, os bombeiros pontevedreses quixeron recoñecer expresamente a colaboración prestada, en materia de comunicacións, polo axente da Policía Local, José Benito Suárez Pazos, así como de Protección Civil ou os seus "veciños" da Garda Civil, entre outros.
Pola súa banda, Miguel Anxo Fernández Lores mostrou o agradecemento da cidadanía pontevedresa polo labor desempeñado este último ano, especialmente en sucesos nos que sen o seu traballo "impecable" os danos á cidade terían sido moito máis graves.