Ciudadanos promove o 8M en Pontevedra un "Eu concilio"
Por Marisa Ciordia
Na súa gran maioría mulleres, pero con algunha participación masculina, Ciudadanos reuniu a representantes de seis colectivos nesta data do oito de marzo: Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa, Asociación de Novos Empresarios, Asociación de Autónomos e Pequenos Empresarios, Boavida, Mulleres en Pé e Asociación de Executivas de Galicia.
As máximas de partida nun día como este son tan diversas como as/os participantes: hai quen considera que é necesaria unha celebración no calendario como esta, quen resta a exclusividade ao 8 de marzo, voces pola reivindicación, polo camiño avanzado e tamén polo que hai que seguir traballando.
Este último evidencia moitos vértices. Exemplos como os que expón Carla Reyes, presidenta da Asociación de Executivas de Galicia: hai que elevar o nivel de esixencia social, aprobar unha nova lei de igualdade e conciliación, baixas de paternidade obrigatorias, desterrar o estigma de muller coidadora de nenos e maiores ou o concepto de autoculpa por priorizar un traballo a unha maternidade, e fundamental concienciar aos máis novos.
A teoría é ampla, pero hai que baixar ao ámbito do práctico. E á práctica van levar a campaña "Eu concilio". A iniciativa tivo o visto e prace das e os asistentes. Fomentar iniciativas que supoñan conciliar o traballo, a familia e o lecer. "O modelo de cidade de Pontevedra permite ademais facer máis fácil esa conciliación- sinalaba María Rey, portavoz de Ciudadanos-. A cidade é un gran centro comercial aberto, polo que poden implicarse os negocios existentes ou utilizar locais baleiros onde haxa monitores ou profesionais que ofrezan actividades e servizos a tal fin".
As propostas para as empresas que se impliquen tampouco han de ser custosas: facilitar libros infantís para lectura gratuíta ou para adultos se son estes os que esperan durante unha actividade, manteis de papel nos que os pequenos poidan pintar, etc...
Ademais de lograr esa conciliación de facetas diarias, a proposta tamén xeraría emprego e levaría educar en igualdade e en valores. Desta forma, os colectivos presentes van trasladar a idea aos seus asociados e poñeranse en contacto co Concello e outras administracións para que poidan sumarse a iniciativa, ben coa organización de actividades que teñan en conta a conciliación ou ben facilitando instalacións que contribúan ao devandito obxectivo.