Muller, traballadora e nai en 1973 vs 2016: "Aínda está moi mal visto que a muller sexa igual que o home"
Por Marisa Ciordia & Mónica Patxot & Natalia Puga
Carmen Casalderrey García empezou a traballar de costureira en 1973, recentemente casada, cunha filla dun ano e medio e outra de apenas un par de meses, e, pouco despois, en xaneiro de 1974, entrou a formar parte do servizo de limpeza do Hospital Montecelo, do que acaba de retirarse -goza dunha xubilación parcial-. Ana Cidre Perry creou a súa propia empresa de deseño web en novembro de 2015 no espazo de coworking Arroelo de Pontevedra e empeza a ter os seus primeiros clientes á vez que cría á súa filla dun ano e medio. Entraron no mercado laboral con 43 anos de diferenza e en dous contextos completamente diferentes, pero ten en común que son mulleres e nais, dúas circunstancias que, en ambos os casos, marcan de forma inevitable a súa situación. PontevedraViva reuniunas con motivo do Día Internacional da Muller e as dúas coinciden en que, catro décadas despois, "hai que seguir loitando" para que a súa condición de muller e mamá non condicione o acceso e desenvolvemento da vida laboral.
Aínda que con certos paralelismos, as súas historias teñen un elemento diferencial que ambas atribúen a que "pouco", pero os tempos si cambiaron: o papel do pai dos seus fillos. No caso de Carmen, hai 43 anos, estaba "eu para todo" e o seu marido, que non traballaba fóra de casa, tampouco colaboraba no fogar. A situación de Ana é a oposta. A súa parella baña á súa filla, ela dálle a cena e, cando ten mala noite, "turnámons".
Ana considera que a día de hoxe a sociedade "cada vez estase adaptando máis ao concepto de familia como nai e pai que colaboran tanto co diñeiro como co neno", pero é consciente de que, na sociedade actual, a súa situación persoal "parece un privilexio", tanto porque hai moitos pais que non se implican no día a día dos seus fillos como porque hai familias ás que as obrigacións laborais impiden conciliar e, por exemplo, estar na casa para comer cos seus fillos. "Temos uns privilexios que outras familias non", asume, lamentando que, en España, aínda están moi lonxe dereitos como os permisos por maternidade e paternidade de ata tres anos doutros países europeos.
Ela confía en que, algún día, se avance na conciliación por ese camiño, pero atópase enfronte a unha Carmen máis pesimista: "Iso aquí non se vai a conseguir nunca". Lembra que ela tivo que incorporarse a traballar un mes despois de que nacese un dos seus cinco fillos porque non podía asumir todo o soldo que lle descontaba a empresa hai 30 anos se quedaba en casa recuperándose.
Aínda que Ana non se atopou con ningunha situación que ela asimile como desigualdade na súa familia ou parella pola súa condición de muller, si a detectou na sociedade, "moi machista", na que aínda "a que a muller debe quedar co neno en casa ou senón está moi mal vista". De feito, houbo xente que reaccionou mal ao contarlle que empezou a traballar e deixou á súa filla na gardería cando tiña un ano.
"Pois imaxínache hai 43 anos..", engade Carmen, quen, ademais, confirma que, catro décadas atrás as nais novas non podían contar tanto coas súas familias como o fan as actuais. No seu caso, "ían á leira", pero na sociedade actual cada vez é máis habitual que os avós apoien a crianza dos nenos ante a imposibilidade dos pais de compatibilizar horarios laborais, escolares ou actividades extraescoladres. Ana, por exemplo, regresou de Bélxica a Pontevedra porque aquí ten aos seus pais preto para botarlle unha man.
Se "conciliar non é fácil" en España tampouco a situación laboral da maioría das mulleres. Carmen tiña os seus dereitos vinculados aos dos traballadores do sector público, de modo que, recortes aparte que fixeron que, noutros aspectos "fomos para atrás 20 anos dun golpe", non sentía discriminación por ser muller. Ana é autónoma e fíxase as súas condicións de traballo, así que tampouco vive distincións polo seu sexo. Pero coñecen o día a día das mulleres que as rodean e a súa situación "é moi difícil aínda" en aspectos como os salarios. Utilizando de novo o exemplo doutros países de Europa que coñece ?naceu en Londres e completou os seus estudos en Bruxelas- Ana chama a atención sobre a difícil situación da muller española, pois "creo que é máis fácil para unha muller atopar un traballo en Bruxelas ou en Inglaterra que aquí. Dígoo por amigas, que todas as que quixeron atopar un traballo, atopárono e o que quixeron. Aquí é moi difícil".
A igualdade está aínda moi lonxe e Carmen, a pesar de estar xa nunha xubilación parcial, está disposta a seguir ao pé do canón, no seu caso vinculada co sindicato UXT, pois "hai que seguir pelexando para que sexamos igual ca eles. Traballamos igual, temos que cobrar igual, temos que ser igual para todo". Laméntase de que "neste país aínda está moi mal visto que a muller sexa igual que o home" e de que "a xente non está aínda concienciada de que a muller ten que ter o seu espazo", pero non desiste.
No caso de Ana, decidiu emprender porque "quero ser un bo exemplo para a miña filla" e "non quero que teña ese concepto de muller que queda en casa porque eu non son así, non son unha muller que se poida quedar na casa coidado da nena todo o tempo". Por suposto que "o paso moi ben coa miña filla", pero considera que "cada persoa necesita un tempo de traballo, un tempo de nai ou pai, se ten fillos, e un tempo de parella". Tanto para ela como para Carmen "a muller debe ter o seu espazo e debe ter o seu traballo para ter o seu diñeiro e ter a igualdade. A igualdade empezará por aí".
Ambas constatan que si existe iso que se deu en chamar o teito de cristal que limita as carreiras profesionais das mulleres, pero néganse a perpetuala. Carmen xa nada pode facer, pois terminou a súa vida laboral, pero Ana si e, se ten o éxito que espera na súa carreira, ten moi claro que, chegado o momento de contratar ou ascender a alguén "a min dáme igual que sexa muller ou home, o que me importa é a experiencia ou o que me poida ofrecer". Esta muller, traballadora e nai Pontevedra non cre na discriminación positiva e declara aberta que "non son feminista tampouco", senón que "eu creo que a igualdade sería que non houbese discriminación nin para a muller nin para o home". De todos os xeitos, cre que a igualdade real non poderá acreditarse mentres siga sendo necesaria a celebración de días como este 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
*Esta entrevista fíxose en español, pero está traducida ao galego.
Relacionadas:
-
RADIO.- A maternidade e o empoderamento feminino en Dale la vuelta
Por Marisa Ciordia |
-
Teresa Blanco, a sindicalista defensora do traballo no mar, homenaxeada na UGT
Por Redacción |
-
Unha exposición sobre as conquistas feministas abre a programación do 8 de marzo
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
O 54% das mulleres de Pontevedra encóntranse desempregadas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |