A primeira fase da mellora e ensanche da PO-235 na Lama afectará a un tramo de seis quilómetros
Por Redacción
A primeira fase das obras de mellora e ensanche da estrada PO-235 na Lama afectará a un tramo duns seis quilómetros e terá un orzamento aproximado de 2,8 millóns de euros, segundo os datos que lle facilitou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, ao alcalde da Lama, Jorge Canda, no transcurso dunha reunión.
Segundo informou o Concello da Lama, o alcalde reuniuse coa conselleira no seu despacho oficial de San Caetano, sede da Xunta de Galicia, para coñecer de primeira man o estado do proxecto. Atópase, segundo lle trasladou, moi avanzado e Jorge Canda conseguiu o compromiso de que as obras comezarán en Seixido e prolongaranse ata Antas, co fin de favorecer o mellor desenvolvemento dos traballos e o fluxo do tráfico.
Esta primeira fase inclúe a eliminación de varias curvas para favorecer a seguridade viaria e unha mellor condución e a ampliación dos pontillóns existentes para permitir unha mellor trazada para os vehículos pesados.
Cando finalice a redacción completa do proxecto será remitido ao Concello da Lama co fin de que o alcalde, Jorge Canda, faga as xestións oportunas cos propietarios afectados polos ensanches que se produzan e poidan ser postos os terreos necesarios para a obra a disposición da Xunta de Galicia.
O alcalde anunciou que cando teña o proxecto convocará unha reunión urxente cos veciños para explicarlles os detalles do mesmo e a necesidade de que todos colaboren con esta obra tan importante e demandada polos cidadáns. O Concello aspira a que sexa posible un ensanche que permita dispoñer dunha calzada de 6 a 7 metros, ademais do habitual espazo reservado para as beiravías.
O Concello insiste en que a mellora nesta estrada é unha vella aspiración dos veciños da Lama e de moitos usuarios deste viario que comunica as provincias de Pontevedra e Ourense polo alto de Portela da Cruz.
A súa mellora foi un compromiso adquirido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nunha reunión o pasado verán. O mandatario galego comprometeuse a incluír nos orzamentos autonómicos a execución da primeira fase do ensanche da estrada Antas-Seixido-Portela da Cruz se o Concello poñía a disposición da Administración autonómica os terreos necesarios para poder efectuar o ensanche e a mellora proxectados.