Ponte Caldelas critica a "tomadura de pelo" da Xunta ao presentar un plano de 1905 para falar da mellora da PO-234
Por Redacción
Veciños de Laxoso e varias parroquias de Cotobade conformaron este xoves oficialmente a Plataforma de Afectados pola estrada PO-234 co nomeamento dunha xunta directiva paritaria entre veciños dos lugares implicados, que se encargará de coordinar os labores de intermediación coas administracións e iniciar unha recollida de sinaturas solicitando o arranxo inmediato deste vial que comunica aos concellos de Ponte Caldelas e Cotobade.
Como presidenta e voceira da Plataforma de Afectados pola estrada PO-234 foi elixida Lorena Durán Bello e como vicepresidenta e vicevoceira Cristina Quinteiro Suárez quenes actuarán como coordinadoras da xunta directiva conformada por veciños de Laxoso, Augasantas e Valongo.
A asemblea constituínte celebrouse no salón de plenos do Concello de Ponte Caldelas, espazo que albergou momentos antes un encontro co alcalde Andrés Díaz quen informou aos veciños das últimas novidades acerca deste polémico tema. Así, o rexidor manifestoulles o seu total apoio nas súas reivindicacións aos veciños ao tempo que lles trasladou as últimas xestións realizadas ao respecto consistentes en solicitar á Xunta o proxecto, co trazado e a identificación das fincas afectadas pola mellora e ampliación da estrada.
Segundo Andrés Díaz o que recibiron da Xunta foi "unha auténtica tomadura de pelo posto que nos remitiron un plano de máis de cen anos, concretamente do ano 1905 o que, sin ánimo de polemizar, dá boa idea da vontade de colaboración institucional para solventar este problema que ten a administración autonómica".
O alcalde de Ponte Caldelas amosoulle aos veciños tanto o plano do ano 1905 así como o oficio remitido desde o Concello á Xunta, de xeito urxente, no que se lle reclamaba á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas "copia do proxecto de mellora da citada vía ou, no caso de que este non exista, previsión escrita das actuacións a levar a cabo a fin de que por este Concello se poida indagar e recabar a cesión de terreos que por parte desa administración se nos ten solicitado nas conversas mantidas. É dicir, por parte do Concello de Ponte Caldelas precisamos saber que obras se van realizar, en que fincas se vai actuar o que superficies se van ocupar, para poder transmitir esa información aos propietarios no seu dereito de coñecer que se vai facer antes de decidir se ceden ou non os terreos".
En definitiva, o Concello solicítalle á Xunta saber que fincas se van ver afectadas (con número de polígono e parcela ou referencia catastral) a fin de poder solicitar a Catastro a titularidade das mesmas, polo que "se desde ese Servizo Provincial de Pontevedra se pretende que sexan os concellos os que poñan a disposición da Xunta os terreos afectados, o mínimo que poden facer é facilitar a identificación dos mesmos na planimetría catastral actual e non cun planos de máis de 100 anos".
Relacionadas:
-
Apoio pleno das corporacións de Ponte Caldelas e Cotobade á petición de reforma da PO-234
Por Redacción |
-
Os afectados pola PO-234 chaman a crear un foro de diálogo para axilizar o arranxo do vial
Por Redacción |
-
A plataforma de afectados da estrada PO-234 di que non están manipulados políticamente
Por Redacción |
-
O PP de Ponte Caldelas acusa o alcalde de manipular aos veciños de Laxoso sobre a PO-234
Por Redacción |
-
Nace a plataforma de afectados pola PO-234 cun cento de persoas anotadas
Por Redacción |
-
Cubela pídelle aos veciños que cedan terreos para ensanchar a estrada Aguasantas-Laxoso
Por Redacción |
-
Impulsan unha plataforma veciñal de afectados da estrada Ponte Caldelas-Laxoso-Augasantas
Por Redacción |