Na procura de solucións para os conflitos de tráfico que provoca o parking de Mercadona
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Os veciños da contorna da avenida de Vigo manifestaron a súa preocupación ao goberno local polos bloqueos de garaxes e problemas de tráfico con motivo da actividade que se xera no garaxe do supermercado Mercadona, que só ten un mesmo espazo para entrada e saída dos turismos. Ante esta situación, o concelleiro de Mobilidade, Luís Bará, sinalou que se buscarán solucións, atendendo á proposta da Policía Local, a través dun terceiro carril na rúa Herminia Fariña de acceso ao instituto Torrente Ballester. Ese espazo sería para almacenamento de coches.
Neste sentido, o concelleiro sinalou que se reunirán cos veciños e coa dirección do supermercado para resolver esa situación de taponamento de tráfico nesa zona. Mercadona interesouse hai uns meses polo terreo que se atopa fronte ao establecemento que se atopa na avenida de Vigo. Con todo, a normativa do PXOM sinala que se trata dun solar edificable e, por ese motivo, non pode converterse en aparcadoiro.
Luís Bará e a concelleira Carmen Fouces percorreron a zona durante esta mañá dentro da rolda de visitas aos barrios para observar as obras de conservación e mantemento necesarias. Durante este xoves 3 achegáronse ás rúas próximas á avenida de Vigo. Alí comprobaron as obras de urbanización que se acometen na avenida da Estación fronte á rotonda onde anteriormente atopábanse esculturas da galería de Jaime Trigo que agora deixan paso a xardíns, que acomete a empresa Cespa.
Tamén está prevista a substitución das moreiras situadas na rúa Fernando II, xa que estas árbores atópanse afectados por unha praga que causa molestias aos veciños que queren utilizar os bancos situados nesa zona.
Durante a súa visita, Bará apuntou que tamén se tentará mellorar a accesibilidade das rúas da subida ao instituto ao mesmo tempo que a empresa Casas encargarase de resolver os problemas de pluviais e de arrastre de terra no aparcadoiro disuasorio gratuíto situado nas proximidades ao Torrente Ballester, onde tamén está prevista a creación dunha pantalla vexetal. Segundo o concelleiro, esta zona de estacionamento conta con moita aceptación, sobre todo durante as mañás.