Unha impresora avariada pode deixar sen servizo de notificacións todos os xulgados pontevedreses
Por Natalia Puga
O Servizo Común de Notificacións e Embargos dos xulgados de Pontevedra non pode utilizar o seu sistema informático desde hai unha semana porque ten avariada a única impresora coa que conta. A situación poderían quedarse en anécdota, pero o sindicato CIG denuncia que a avaria pode supoñer a "paralización de todo o sistema xudicial de Pontevedra".
A sección sindical de CIG-Xustiza de Pontevedra, a través do seu delegado Delmiro Durán Garrido, indica que neste departamento traballan 13 funcionarios e "dá servizo a todos os xulgados de Pontevedra", de forma que "a paralización do servizo suporá a paralización de todo o sistema xudicial de Pontevedra cos prexuízos que iso suporá".
A principal queixa de Delmiro Durán é que esta cuestión que pode ter consecuencias tan desmesuradas "ten unha tan fácil solución como é a de cambiar unha impresora, pero por parte da Xunta de Galicia o único que nestes momentos pénsase é no aforro de diñeiro".
"Impórtalle moi pouco a paralización da Xustiza", denuncia o sindicato. Delmiro Durán considera que esta situación é un exemplo do "estado de abandono que está sufrindo a Xustiza por parte da Xunta de Galicia, cuestión que afecta gravemente á prestación dun servizo público esencial".