A Deputación asinou addendas aos convenios para impulsar obras en Meis e Ribadumia
Por Redacción
A Deputación está a firmar addendas de convenios, asinados polo anterior goberno, para rematar obras en concellos coma Meis e Ribadumia. Estes convenios, asinados entre 2014 e 2015, non se puideron executar en tempo debido a "problemática de diferente índole na súa xestión", trasladaron dende a administración provincial.
En concreto, en novembro de 2014 a Deputación de Pontevedra asinou un convenio co concello de Ribadumia mediante o cal a institución provincial aporta 179.500 euros para a realización do "edificio de servizos complementarios no pavillón polideportivo de Ribadumia". Neste caso, en novembro de 2015, asinouse un acta de paralización das obras motivada pola licitación por parte do concello de Ribadumia dun proxecto no mesmo edificio que require modificar a súa estrutura e cuberta.
En Meis, en maio de 2015 asinouse un convenio entre a Deputación, o arcebispado de Santiago e o concello a través do cal a institución provincial destina 250.000 euros para a restauración da capela románica de Santa María do Mosteiro: nova cuberta, restauración de carpinterías, limpeza de fachadas e teitos, restauración do pavimento e campanario, instalación de iluminación eléctrica, construción de muros de peche, etc.
A addenda é necesaria xa que, a día de hoxe, non se concedeu a licenza municipal para a realización das obras, solicitada en xullo de 2015.