Ponte Caldelas dará 360 euros polo primeiro fillo, 1.200 polo segundo e 2.400 polos seguintes
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas pon en marcha una serie de axudas destinadas ás familias con fillos menores de 3 anos que outorgará unha prestación de 360 euros anuais polo primeiro fillo, 1.200 polo segundo e 2.400 polo terceiro e os seguintes.
Segundo informou o departamento de Servizos Sociais, as prestacións terán un pago único e o prazo para poder optar a elas remata o 7 de marzo. As xestións realizaranse os luns e xoves entre as 9.30 e as 14.00 horas nas oficinas municipais.
Estas axudas poderán ser solicitadas por aquelas persoas que teñan ao seu cargo fillos menores de 3 anos nados entre o 2 de xaneiro de 2013 e o 1 de xaneiro de 2016, ambos os incluídos, e que nin elas nin ningunha persoa da unidade familiar estivese obrigada a presentar a declaración do IRPF nin a presentasen de forma voluntaria.
No caso de fillos adoptivos ou acollidos entre o 31 de decembro de 2014 e o 31 de decembro de 2015 a prestación concederase durante os tres anos posteriores á data da resolución xudicial ou administrativa que a declare efectiva.
Os solicitantes deberán entregar no departamento de Servizos Sociais do Concello de Ponte Caldelas, xunto coa solicitude, fotocopia do Libro de Familia ou certificación literal do nacemento do Rexistro Civil de cada un dos fillos acollidos e copia de sentenza de nulidade, separación ou divorcio e do convenio regulador, se fose o caso. No suposto de adopción ou acollemento deben achegar copia da resolución xudicial ou administrativa que a declare. Tamén deberán achegar certificado de empadroamento e certificación de conta bancaria.