Un total de 30 veciños de Pontevedra teñen máis de cen anos
Por Oskar Viéitez
Este domingo o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, felicitou a Elvira Prieto de Lario que cumpriu 101 anos. Esta pontevedresa celebrou unha comida coa súa familia en casa Digna.
En España hai 14.487 persoas que superaron a barreira dos 100 anos, o dobre que hai 15 anos.
Na provincia de Pontevedra son 449 persoas centenarias, o que supón o 0,06% da poboación, segundo o Instituto Galego de Estatística.
E no concello de Pontevedra 30 veciños forman parte deste selecto club.
Na cidade do Lérez, hai un total de 15.690 cidadáns que superan os 65 anos, unha cifra que se incrementou en 380 persoas máis durante o pasado ano. Destes, 921 superan os noventa anos.
España é un dos países máis lonxevos do mundo cunha esperanza de vida de 83,2 anos segundo a OCDE.