A terapia con cabalos mellora a socialización das persoas con autismo
Por Redacción
A investigadora Sonia Bouzo analizou na súa tese de doutoramento os beneficios da equitación terapéutica.
Permiten mellorar a coordinación e o equilibrio, ao tempo que contribúen á normalización do ton muscular, pero tamén axudan a mellorar a comunicación e as capacidades de atención e socialización. Son múltiples os beneficios, tanto no plano físico coma no psicolóxico, que as persoas con autismo poden atopar naquelas terapias que teñen nos cabalos a súa base, como vén de demostrar a investigadora.
Sonia Bouzo realizou o seu estudo cun grupo de cinco nenos a adolescentes diagnosticados de Trastorno do Espectro Autista (TEA), que antes de iniciar a terapia nunca montaran a cabalo, o que permitiu a esta investigadora comprobar os "moitos beneficios inmediatos" que a equinoterapia supón.
Realizada coa profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Margarita Pino como directora, a tese desta alumna pontevedresa abranguía o uso de diferentes técnicas dentro da chamada equinoterapia, termo que agrupa os diferentes tratamentos que, dependendo do grao de autonomía da persoa, se desenvolven con cabalos, como a monta terapéutica, a equitación adaptada ou a hipoterapia.
Nunha entrevista para o Diario da Universidade de Vigo, feita polo xornalista Eduardo Muñiz, a investigadora salienta que "a conclusión máis evidente do estudo", é que se trata dunha "terapia que reporta moitos beneficios inmediatos para calquera persoa". A este respecto, Sonia Bouzo destaca que os cinco participantes neste estudo experimentaron, tras 32 sesións, unha mellora do seu equilibrio e fortaleceron a súa musculatura, ao tempo que viron reducidas as estereotipias, a repetición dun movemento de maneira automática e inconsciente.
Nese senso, Bouzo sinala que "os exercicios a lombos do cabalo proporcionan un alto grao de relaxación muscular, favorecendo a flexibilidade e mellorando o estado físico en xeral", ao tempo que contribúen "á normalización do deficitario ton muscular, a mellora da coordinación, reflexos e planificación motora, así como a reducir os patróns de movementos anormais e mellorar o equilibrio".
UN COMPLEMENTO A OUTRAS TERAPIAS
Por todos estes motivos, Bouzo lamenta que a pesares de que "os beneficios da equinoterapia veñen sendo estudados desta a antigüidade", esta non sexa unha técnica moi difundida. Nese senso, admite que "ao igual resto das terapias asistidas con animais, non pode ser substitutiva das terapias convencionais", pero si é un "complemento eficaz destas".
De feito, a investigación realizada demostrou "que os beneficios que achegan os animais incrementan os resultados doutro tipo de tratamentos", motivo polo que na súa tese propón a súa inclusión como tratamento complementario en pacientes de TEA.