Videoxogos, márketing dixital e protección de datos, oferta formativa do campus aberta a toda a cidadanía
Por Redacción
Os obradoiros de Extensión Universitaria do Campus de Pontevedra para este segundo cuadrimestre abranguen eidos como a creación de videoxogos, o márketing dixital, a dixitalización de negocios e a protección de datos de carácter persoal nas redes sociais.
A aula tecnolóxica da Casa das Campás e a aula de informática da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación serán a sede destas catro actividades.
A primeira destas actividades será, este luns 15 de febreiro, o curso Dixitalización de negocio para PEMES e ONG, que impartirá a investigadora Josefa Piñeiro, e estará centrado en amosar as ferramentas que existen na rede para desenvolver unha actividade empresarial ou sen ánimo de lucro nunha contorna dixital.
Esta próxima semana comezará tamén Incrementa a túa visibilidade online, impartido pola consultora e docente María Saez e a experta en márketing e comunicación Cristina Costa. Nesta actividade, dirixida pola profesora Mónica Valderrama, tratarase de achegar ao alumnado as nocións precisas para desenvolver unha estratexia de márketing dixital que permita incrementar a presenza e visibilidade na rede.
Para o 18 de febreiro tamén está previsto o inicio de As redes sociais e a protección de datos de carácter persoal, un curso dedicado a afondar nos riscos que estas redes implican en materia de protección de datos, así como dar a coñecer as ferramentas das que dispoñen os usuarios e usuarias para previlos. Esta actividade, coordinada pola profesora Patricia Valcárcel, será impartida por Beatriz Blanco, Gregorio Andión e Miguel Abal e contará coa colaboración do titular da Cátedra Google-España e ex-presidente da Axencia Española de Protección de Datos, José Luis Piñar, e do xerente da consultora internacional DGE-DATA Bruxelles, Vassileios Karagiorgos.
Esta oferta formativa completarase, a partires do 23 de febreiro, con Desenvolvemento de xogos indies, un curso impartido pola profesora Beatriz Legerén, a animadora e ilustradora Iria Carballo e o fotógrafo e programador Adrián Santasmarinas, dirixido a achegar ao alumnado os conceptos básicos do deseño de videoxogos, no que o resultado final será a creación na aula dun xogo indie propio.
Estes catro novos cursos súmanse deste xeito á oferta de obradoiros, dirixidos a toda a cidadanía.
Este programa formativo abrangue propostas como Locución Audiovisual, curso que impartirá a actriz e xornalista Maika Aguado, ou Fala. Oratoria e comunicación, no que Alberto Rosell amosará unha serie de técnicas para aprender a falar en público e dominar a linguaxe corporal. Así mesmo, neste mes tamén botará a andar o taller Interpretación de instrumentos populares galegos, que impartirá o gaiteiro Suso Vaamonde e contará cun nivel de iniciación e outro de perfeccionamento; ao igual que o curso O que non se nomea non existe. Comunicación e radio con perspectiva de xénero, impartido por María del Mar Fernández Cendón
Xa en marzo, a Casa das Campás acollerá Introdución ao Design Thinking, un obradoiro centrado neste método de resolución de problemas organizativos a través do desenvolvemento persoal, a creación de equipos e a aplicación práctica de solucións, que dirixen o profesor Enrique Varela e o investigador Pedro Junqueira.
Por último, este programa de obradoiros péchase en abril con Comisariado e estratexias para artistas, un curso impartido por Esperanza e Francisco Porto, do colectivo Latamuda.