Os populares de Poio esixen "responsabilidades" polas repetidas inundacións na Rúa Maceiras
Por Redacción
O voceiro do Partido Popular de Poio para Combarro, Cándido ‘Tucho’ Muíños, visitou este venres a rúa Maceira e falou cos veciños da zona despois de que esta veciñanza se asolagase por segunda vez desde que comezou o ano.
Muíños anunciou que o PP volverá a esixir responsabilidades na vindeira comisión de Urbanismo "por unhas obras que levan apenas dous meses rematadas e xa demostraron sobradamente a súa ineficacia".
Muíños recordou que "mentres concelleiros do PP noutros municipios dimiten por facer comentarios ofensivos nas redes sociais, os edís doutros partidos gastan centos de milleiros de euros en obras, deixan o sitio peor do que estaba, e non pasa nada", e prometeu que seguirá a traballar por Combarro, comezando por "esixir a máxima responsabilidade dos culpables de malgastar os cartos dos veciños da parroquia".