Defensa e veciños volverán reunirse en maio para coñecer o futuro da Brilat
Por Anxo Lourido
Satisfeitos pero non contentos, así saían os veciños de Salcedo, Figueirido e Vilaboa da reunión co director xeral de Infraestruturas de Defensa, Eduardo Zamarripa. Esta entrevista foi a primeira toma de contacto despois de que os tribunais de xustiza estableceran que os terreos nos que se atopa a base da Brilat en Figueirido pertencen aos veciños.
"Non se entrou a valorar ningunha solución. Eles viñeron a coñecernos porque chegaron sen ningún tipo de oferta nin de nada", apuntou o presidente da comunidade de montes de Salcedo, Fernando Pintos, quen indicou que Defensa "está facendo un estudo e a finais de maio podemos ter unha proposta respecto ao que eles van definir sobre o estudo que están facendo para toda España". Polo momento, Defensa continúa intentando presentar recursos ás sentenzas de Figueirido e Vilaboa, ámbolos foron inadmitidos polo Supremo. A sentenza de Salcedo xa é firme e a esta comunidade de montes correspóndelle case o 90% dos terreos que ocupa a Brilat, por iso Fernando Pintos alertou os representantes do ministerio de Defensa: "se lle dixo que non fixeran nada no monte e vamos esperar ata finais de abril para saber que pasa". Nese mes, agárdase que o plan de racionalización das infraestruturas de Defensa en España poida aportar algo máis de luz sobre o futuro da Brilat.
O Director Xeral de Infraestruturas, Eduardo Zamarripa, indicou que "No se puede aventurar más que una cosa, que es buena, que Defensa es sensible a los ciudadanos y eso es un punto importante". O representante de Defensa si anunciou que o coste dos terreos será unha cuestión a ter en conta para o futuro das instalacións militares: "Hay que tener en cuenta los costes. Hay que racionalizar los costes que es racionalizar las infraestructuras. Habéis visto muchos establecimientos militares, los que no tengan uso se quitarán del medio y los que interesen se intentará mantenerlos".
En todo caso, ámbalas partes manifestaron a súa intención de que a situación non se eternice.