A medicación chega en patrulleira á illa de Ons
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un veciño de Bueu que necesita medicación para tratarse unha doenza do corazón precisou este venres a colaboración da Garda Civil ante o mal tempo que lle impedía saír da Illa de Ons e chegar a terra firme para recibir o tratamento. A medicación chegoulle, neste caso, en patrulleira e medio do temporal.
Todo ocorreu ao redor das nove da mañá. A esposa do paciente foi a que se puxo en contacto cos servizos médicos para alertar de que necesitaba a medicación, pero estaba illado en Ons a consecuencia do mal tempo predominante este venres, especialmente virulento no mar.
O paciente ten unha casa de residencia temporal en Ons e leva alí nove días. Desde o mércores día 10 xa non ten a medicación necesaria, pero o barco de pasaxe non podia saír, de modo que estaba asislado sen posibilidade de conseguir a medicación.
Ante as dificultades de desprazamento ata a illa, e ao non haber tampouco na zona ningún barco de pesca faenando, pediuse o apoio da Garda Civil. O xefe do Serivicio Marítimo do Corpo mobilizou unha patrulleira das que teñen a súa base na Escola Naval Militar de Marín.
Unha patrulla da Garda Civil de Marín acudiu ao domicilio do paciente en Bueu e a súa muller entregoulle a medicación. A patrulleira desprazouse ata a illa e atracou no embarcadoiro, onde xa estaba a esperar o home auixiliado.
Pouco máis dunha hora e media despois de que se dese a primeira chamada de auxilio, ás 10.30 horas, o paciente xa contaba coa súa medicación, segundo confirmou a Garda Civil.