O campus estreita lazos con Taiwán
Por Redacción
A capacidade do cinema para achegar á cidadanía "a nosa cultura e o noso pensamento" converteron esta arte no punto de partida da colaboración que a Oficina Económica e Cultural de Taipei en España vén de iniciar coa Vicerreitoría do campus.
"Pensamos que é unha boa maneira de comezar", salienta neste senso Fernando Su, o director da súa División Cultural, que este mediodía mantivo unha xuntanza co vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, co gallo do inicio do ciclo de documentais Panoramas en Taipei, que na tarde deste xoves botou a andar na Casa das Campás.
O encontro mantido cos representantes da Vicerreitoría serviu para presentar algúns dos proxectos e iniciativas que desde este organismo queren levar a cabo en España.
Su relatou aos asistentes a vontade deste organismo de promover exposicións, por exemplo vinculadas ao traxe tradicional chinés ou a fotografía, así como actuacións musicais e dos grupos de baile taiwaneses en España.
De feito, a xuntanza que tivo lugar este mediodía na Casa das Campás verase sucedida pola recepción que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, lles brindarán na Casa Consistorial este venres, no que tamén está previsto que visiten tamén o Museo de Pontevedra e o Pazo da Cultura.