Pontevedra acollerá a segunda xornada de pan galego "Con Moita Miga"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Despois de dous anos volve "Con Moita Miga", as xornadas dedicadas ao pan galego, esta vez será en Pontevedra, os días 26, 27, 28 de febreiro e o día 29 a xornada profesional.
A primeira edición deste evento celebrouse na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, e do mesmo xeito que naquela ocasión a proposta persegue poñer en valor as novas ideas na panadería, os cambios do sector e a maneira de como afrontar o futuro.
Para esta nova convocatoria os organizadores incorporan o evento á cidade, polo que realizarán charlas, talleres e catas que atopará o paseante polas rúas, segundo explicaron nunha rolda de prensa celebrada este xoves no Concello de Pontevedra.
NOITE BRANCA DO PAN
A noite do xoves 25 xornalistas, panadeiros doutros lugares de España e xentes da cociña visitarán diferentes obradoiros de Galicia para ver como se fai o pan aquí. A cita que se denominou "A noite branca do pan" percorrerá os obradoiros de seis panaderías O’Bastón (Nigrán), A Pintora (Baiona), Argibay (Porriño), Pan da Moa (Santiago), Pan do Tres (Vilarmaior), José Castro Irmáns (Neda).
A tarde do venres 26 iniciarase falando cos hostaleiros de Pontevedra sobre a importancia da calidade do pan nos seus establecementos. O encargado será, Jesús Monedero, o prestixioso chef do Restaurante Palio en Ocaña (Toledo), un "defensor sen concesións do pan de calidade". Falará de nutrición e as propiedades do pan, Teba González, unha das especialistas máis importantes do país. Finalizará a xornada cunha cata de pan coa guía dun auténtico experto, Ibán Yarza.
O PAN NA RÚA
O sábado 27, a Praza de Abastos de Pontevedra acollerá un espazo de exhibición con José Luis Miño, Daniel Pampín e Suso Castro. Realizaranse distintos microtalleres sobre a elaboración e o cocido do pan galego, sendo necesaria a inscrición previa xa que as prazas son limitadas.
Á tarde, na Casa da Luz programouse unha mesa redonda sobre os problemas de Formación que hai para os novos panadeiros. Manuel Hermo (director do Carlos Oroza de Pontevedra), Román Latas (Inspector de Educación da Deputación de Pontevedra) e Daniel Pampín (panadeiro pontevedrés que foi bolseiro durante seis meses nunha panadería en Alemaña) falarán guiados polo locutor radiofónico Xosé Manuel García das solucións que se lle poden dar aos problemas formativos na panadería.
Despois Xosé Manuel entrevistará á familia de panadeiros de Neda Panadería José Castro Hermanos. E para finalizar outra cata moi especial, guiada por expertos.
DOMINGO
O domingo "o panadeiro artesán máis exitoso a nivel nacional", Xavier Barriga irá ao Instituto de Formación Carlos Oroza a dar unha charla aos alumnos e a todo o mundo que queira achegarse sobre a súa experiencia en panadería, un verdadeiro exemplo de que a panadería ten futuro. Ao mesmo tempo Ibán Yarza dará un taller durante 4 horas de aprender a facer pan. As prazas son limitadas e o prezo de inscrición é de 50 euros.
E para os máis pequenos o grupo de teatro Migallas, na Casa da Luz, ofrecerá un espectáculo sobre pan aos rapaces. Será ás 18.00 horas.
XORNADA PROFESIONAL
O luns é o día dos profesionais e os mozos que están a estudar os ciclos medios de panadería de Galicia que se reunirán no Pazo da Cultura a falar "de cousas moi serias". Así unha mesa redonda que estará conducida por Guillermo Moscoso virá tratar temas como o das masas de alta hidratación con José Luis Miño á fronte, a fermentación retardada tendo de relator a Xavier Barriga e a calidade das fariñas con José Rodríguez, de Harinas Reyes.
Ao finalizar entrará en escena Raúl Castelló, experto en economía de panadería que falará da Panadería como negocio.
As xornadas pecharanse pola tarde falando sobre a comunicación na panadería. Márketing, deseño, redes sociais, tendas físicas, a cargo de Uqui Permui, Beatriz Echeverría e Ibán Yarza que debullarán as vicisitudes de como ter éxito vendendo un produto tan marabilloso como o pan galego.