A cidade de Pontevedra asocia a súa imaxe ao albariño para promocionarse turísticamente
Por Oskar Viéitez
A empresa pública Turismo de Pontevedra e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas asinaron un acordo de colaboración durante un ano polo que ambas entidades asocian a súa imaxe para facer unha promoción turística conxunta.
A partir de agora levarán a cabo accións de promoción do sector vitivinícola e da cidade de Pontevedra como produto turístico e cultural.
Esta promoción irá encamiñada a dar unha visión específica dos produtores asociados a esta Denominació de Orixe, destacando tanto os seus recursos físicos (adegas, edificios históricos) coma culturais (rutas do viño, cultura enóloga, xornadas de degustación, catas, etc.).
De modo que Turismo de Pontevedra incluirá nos congresos e feiras aos que acuda ou patrocine a promoción dos produtos e marcas dos asociados a Rías Baixas así como as visitas ás súas instalacións e rutas. Poñéndose en contacto con tour operadores e organizadores de congresos, para incluír entre as súas actividades este tipo de produtos.
Igualmente a Denominación de Orixe transmitirá este acordo á Asociación Ruta do Viño Rías Baixas e colaborará tamén ofrecendo para revistas especializadas, xornalistas, e axencias especializadas información actualizada dos seus produtos e servizos. Finalmente, segundo dispoñibilidade, facilitará a visita e o uso da súa sede central no Pazo Mugartegui.
Esta promoción non terá ningún custo para a Denominación de Orixe xa que será incluída no plan de actuación que cada ano desenvolve Turismo de Pontevedra.