Barro reparte 1.300 euros en premios no Festival de Entroido deste sábado
Por Redacción
Un Festival de Entroido poñerá fin á programación festiva que o Concello de Barro preparou para estes días de entroido en todo o municipio.
Será unha gran festa que terá lugar no pavillón polideportivo municipal tal e como estaba previsto, polo que as condicións meteorolóxicas non afectarán as actividades previstas.
O festival comezará ás seis da tarde e, unha hora despois, comezará o desfile infantil. Haberá premios para os tres mellores disfraces de cada categoría -individual, parellas e grupos- e repartidos en dúas franxas de idade, de 0-6 e 7-14 anos.
A partir das dez da noite dará comezo o baile de disfraces de adultos, no que premiarán os mellores disfraces nesas mesmas categorías. Nese caso, o xurado entregará os premios ás doce da noite.
O baile estará amenizado polo grupo Acuarela e DJ Moe.
Previamente a este festival, ás catro e media da tarde terá lugar a final da Corrida do Galo, despois de celebrarse as fases clasificatorias nas distintas parroquias o pasado domingo.