A Casa das Campás acollerá un curso gratuito sobre as redes sociais e a protección de datos de carácter persoal
Por Redacción
A Casa das Campás acollerá o curso de extensión universitaria "As redes sociais e a protección de datos de carácter persoal" que contará con prestixiosos especialistas na materia e para o que xa se abriu o período de inscripcións.
Nos últimos anos as redes sociais permitiron un cambio na forma na que nos relacionamos e na prestación de servizos. A través das novas tecnoloxías da información e comunicación e da internet, os usuarios crean un espazo cun perfil público onde plasman os seus datos, e lle permiten interactuar con outros usuarios afíns, converténdose nunha nova forma de comunicarse, relacionarse e compartir emocións, permitindo a realización de determinadas accións a través da lista de seguidores ou amigos.
Esta exposición de datos, en ocasións produce unha sobreexposición pública da vida persoal e profesional, coas conseguintes consecuencias que se poida xerar do seu mal uso.
Con este obradoiro, que é de balde, preténdese dar a coñecer e analizar os riscos que se poidan xerar no seu uso para os distintos grupos de usuarios e poñer en práctica as ferramentas necesarias para evitar riscos innecesarios na utilización das mesmas. Poderase así clarificar a utilización dunha forma segura de todas as vantaxes que nos aportan o uso das distintas redes sociais.
Por elo os organizadores deste curso no se dirixen a un perfil en particular, xa que entenden que os problemas que se poidan xerar desta exposición pública deben ser coñecidos por toda a poboación. Este obradoiro enfócase principalmente a un perfil adulto cun carácter multidisciplinar, estudante ou formador, profesional da administración pública ou privada, que lle permitan sacar un maior xugo ós contidos do curso.
Como docentes estarán especialistas en diversos ámbitos e da relevancia de José Luis Piñar, ex presidente da Agencia de Protección de Datos e titular da cátedra Google-España; Vassileios Karagiorgos, xerente da consultora internacional DGE-DATA Bruxelles, ou o portavoz da unidade de delitos telemáticos da Policía Nacional, ademáis de informáticos, psicólogos e outros especialistas procedentes do ámbito privado e público.