A inauguración do Parque Amalia Álvarez convértese nun acto de reparación a súa memoria
Por Oskar Viéitez
Acto de recoñecemento, acto de reparación, acto de xustiza. O descubrimento dunha placa co seu nome e a plantación dunhas magnolias, a árbore preferida de Amalia, abriron unha sentida inauguración do parque Amalia Álvarez, un novo espazo público "de máxima dignidade" de ao redor de 3.000 metros cadrados ao carón da rúa Filgueira Valverde.
O mal tempo obrigou a trasladar a homenaxe a Amalia Álvarez ao Centro Social do Gorgullón onde a música e a poesía, a lectura da carta de despedida escrita por Alexandre Bóveda á súa "vidiña", a Amalia Álvarez, encheron de sentimento o acto.
Este Mércores de Cinza, festivo local, coincidindo co que sería o 110 aniversario do seu nacemento, Pontevedra recupera para a memoria colectiva a unha muller que viviu o asasinato do seu marido, Alexandre Bóveda, sacou adiante a cinco fillos, resistiu fronte a represión franquista "e deu unha lección de coraxe e dignidade, gardando a memoria dos seus, a memoria de todos e axudando a tecer as vimbias dunha sociedade máis xusta, dun mundo mellor".
Ata o novo espazo público de lecer achegáronse familiares de Amalia como a súa filla pequena, a que leva o seu nome, ou os seus netos, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e membros da corporación municipal, representantes da Fundación Alexandre Bóveda e amigos da familia que con eles viviron e sufriron a "posguerra dos perdedores" e tamén pontevedreses de todas as idades que "se saben en débeda con mulleres como Amalia Álvarez cuxos testemuños permiten reconstruír a memoria e valorar o presente".
O mellor resumo do dito e vivido este mércores atopámolo nas palabras de Amalia Bóveda Álvarez: "Grazas nai, grazas pai por ensinarnos a sumar e grazas a todos por participar nesta suma".