Ons e Cíes acollerán rutas teatralizadas nocturnas
Por Redacción
O parque nacional marítimo terrestre Illas Atlánticas acollerá este ano unha serie de actividades que o acreditan como destino 'Starlight', e que inclúen rutas teatralizadas vinculadas aos sons da noite, navegación nocturna ou talleres de fotografía.
Os Destinos Turísticos Starlight son lugares visitables, que gozan de excelentes calidades para a contemplación dos ceos estrelados e que, ao estar protexidos da contaminación luminosa, son especialmente aptos para desenvolver neles actividades turísticas baseadas nese recurso natural.
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, sinalou este mércores na presentación destas actividades de promoción e divulgación que o reto para este ano en canto a afluencia de visitantes ao parque refírese é superar a barreira das 400.000 persoas (en 2015 foron 399.890).
Haberá rutas en barco por augas do Parque, nas que os visitantes aprenderán as técnicas dos antigos navegantes e pescadores, que usaban as estrelas como axuda.
As visitas guiadas en familia en horario nocturno serán unha das principais actividades, e poderán incluír ou non pernoitas nas illas ou ben no barco fondeado. Os participantes –ao redor de 20 persoas- percorrerán o Parque acompañados por un guía que lles ofrecerá unha explicación sobre astronomía en xeral e outros fenómenos.
A fotografía tamén terá un oco na programación. Nos arquipélagos de Cíes e Ons realizaranse percorridos nocturnos nos que os participantes tomarán fotografías relacionadas coa noite e os seus valores, que serán expostas despois na sede do Parque Nacional. E en Sálvora e Cortegada levaranse a cabo prácticas fotográficas co asesoramento de expertos.
No mes de agosto, organizaranse dúas actividades de observación astronómica, nas que colaborarán equipos de astrónomos afeccionados, así como as Universidades de Santiago e Vigo. A primeira delas coincidirá coa chuvia de meteoros das Perseidas, e a outra terá como obxectivo observar a conxunción planetaria de Venus e Xúpiter.
En relación ao destino Starlight, organizaranse tamén rutas combinadas cunha pequena representación teatral, que axudará aos participantes a descubrir a personaxes históricos vinculados ao Parque, os sons da noite, e os animais da vida nocturna.