Feijóo afirma que "temos madeira para dúas ou tres centrais de pasta"
Por Oskar Viéitez
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xustificou no Parlamento galego a prórroga á fábrica de Ence en Pontevedra ata 2073 co argumento de que a alternativa era o peche e a perda de postos de traballo, á vez que garantiu que o seu Executivo esixirá á pasteira que "siga cumprindo" a normativa ambiental europea "por encima dos límites legais".
Feijóo volveu a reivindicar o potencial madeireiro da comunidade indicando que "temos madeira suficiente non para unha central de pasta, para dúas ou tres. Somos un país capacitado para producir madeira e poñela en valor", e recoñeceu que lle "estorba" a papeleira na Ría de Pontevedra, e sinalou que, por iso, o seu partido analizou o posible traslado, para concluír que finalmente se evidenciou que a "única alternativa" era o peche.
O líder do PPdeG respondeu ás críticas do portavoz do BNG, Francisco Jorquera asegurando que "nós fixemos o mesmo que o bipartito, acreditar que cumpre os compromisos ambientais".
O portavoz do Bloque defendeu que Celulosas "destrúe máis emprego do que crea en Pontevedra e Galicia", ao impoñer "un modelo de monocultivo forestal, un modelo depredador de recursos forestais e de postos de traballo", cualificando a prórroga de "inxusta e covarde".
O presidente da Xunta se comprometio a esixir aos donos de Ence "que fagan investimentos no ámbito do sector forestal e que traian novos proxectos industriais á comarca de Pontevedra e a Galicia".
Jorquera suxeriu aos populares que adopten o lema "Todo pola pasta. Pola pasta entregan a ría de Pontevedra a Ence durante 60 anos e privatizan para asegurar a unha empresa privada ganancias de 2.000 millóns", esgrimiu.
LORES NA TRIBUNA DE INVITADOS
Ao termo do debate, nos corredores do Parlamento, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que presenciou a sesión de control na tribuna de invitados, asegurou que tras escoitar a Núñez Feijóo criticou o "servilismo total e absoluto do PP aos intereses económicos".
Lores afirmou que os galegos ademais danlle cada ano 5 millóns de euros a Ence pola subvención do 90% do canon da auga e denunciou que "está claro que Ence ten fío directo co PP e eu mesmo ampliaría o do PP ás cloacas do Estado e ten capacidade de cambiar leis".