Pontevedra e Meaño incorpóranse ao Grupo de Acción Costeira
Por Redacción
O sector pesqueiro dos concellos de Meaño e Pontevedra incorpórase ao Grupo de Acción Costeira que estaba integrado polos Concellos de Bueu, Marín, Poio e Sanxenxo.
O Grupo de Acción Costeira Ría de Pontevedra acaba de ser recoñecido pola Consellería do Mar como entidade colaboradora para a xestión de axudas financiadas a través do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca.
A Consellería do Mar comunicou a finais de xaneiro ao grupo o seu recoñecemento como Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro para a Ría de Pontevedra e a súa área de influencia e a aprobación da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo por un importe de 5.714.908,27 euros no período de programación 2014-2020.
Deste importe, 1,4 millóns dedicarase á xestión do programa e os restantes 4,28 millóns teñen como destino o financiamento de proxectos produtivos e non produtivos que contribúan ao desenvolvemento do territorio e sexan coherentes coa estratexia presentada polo grupo e realizada a través dun proceso participativo que tivo lugar ao longo do ano pasado.
A presentación de proxectos deberá agardar á publicación da orde de axudas por parte da Xunta de Galicia e a sinatura dos convenios de colaboración entre a Consellería do Mar e o grupo que agora pasará a chamarse Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra.
O grupo mantén aberta a súa oficina no Porto do Marín e está recibindo xa promotores con ideas de proxectos e orientando sobre os mesmos para o seu encaixe na estratexia de desenvolvemento do territorio.