Xuntanza "cordial" entre o Concello e Sanidade, sen chegar a acordos
Por Oskar Viéitez
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mantiveron unha reunión "cordial" na que analizaron a situación da sanidade na cidade de Pontevedra e o futuro do proxectado hospital Monte Carrasco, pero sen chegar a acordos.
"A impresión xeral é que hai unha actitude máis receptiva e dialogante do conselleiro", resumiu o alcalde. "Ten a posición de que hai que escoitar aos axentes da área sanitaria e repensar certas cousas", engadiu Lores.
Segundo informou a Xunta, durante o encontro, no que tamén estiveron presentes o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, e o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, coincidiuse en que a asistencia sanitaria nesta área "está a un bo nivel, aínda que hai unha marxe de mellora na que se debe afondar".
A Consellería propuxo ao Concello traballar nun proxecto a medio e longo prazo para mellorar a asistencia e adaptala ás necesidades actuais e futuras dos cidadáns da área de Pontevedra. Neste eido, abordouse a situación actual de infraestruturas sanitarias dos hospitais de Montecelo e o Provincial, e analizouse o punto no que se atopa actualmente o anteproxecto do Hospital de Monte Carrasco.
A este respecto, Fernández Lores lle manifestou o posicionamento do goberno local de Pontevedra, que pasa por rexeitar Monte Carrasco, invertir na área sanitaria "porque corre o risco de quedar obsoleta", ampliar Montecelo de xeito "coherente" acorde ás necesidades actuais dunha área sanitaria como a de Pontevedra, e finalmente, manter os usos sanitarios do Hospital Provincial, "que ten moitas necesidades".
Ademáis o rexedor trasladou ao conselleiro as dificultades que supón este anteproxecto para o Concello no que se refire á urbanización da contorna e a dotación de servizos a Monte Carrasco.
Vázquez Almuiña transmitiu ao alcalde a súa intención de desenvolver un proxecto "co máximo consenso posible, sen desbotar polo de agora ningunha das solucións propostas".
Segundo dixo o alcalde, Vázquez Almuiña actúa "prudentemente porque terá que consultar certas decisións co seu partido, co presidente da Xunta, con certos sectores afectados e estudar o tema".
Os representantes da Consellería e do Concello quedaron en volver a reunirse "en dous ou tres meses". Neste tempo a Xunta mantivo o compromiso de "buscar a mellor solución acadando o acordo e captando as sensibilidades de todos os ámbitos sociais", tanto no que se refire aos profesionais e aos seus representantes como aos cidadáns.
SEGURIDADE VIAL
O alcalde tamén puxo sobre a mesa outros asuntos menores como a mellora da seguranza viaria diante do Hospital Montecelo, así como a ampliación da praza diante do Hospital Provincial co que o Concello e a Consellería están dispostos a asinar convenios para mellorar estes ámbitos.
Lores indicou que leva unha "impresión positiva", porque apreciou "un cambio do posicionamento sobre Monte Carrasco, que é como dicir, non queremos facer nada en Pontevedra: Pomos Monte Carrasco, e mentres non facemos nada", concluíu o alcalde.
Relacionadas:
-
A Marea Branca considera o Hospital de Monte Carrasco un proxecto obsoleto
Por Anxo Lourido |
-
A espera cirúrxica máis baixa de Galicia, nos Hospitais de Pontevedra e o Salnés
Por Anxo Lourido |
-
Para os traballadores do CHOP, o hospital único "debe ser" en Montecelo
Por Redacción |
-
VIDEO.- As Urxencias de Montecelo estrean nova cara, máis "orientada ás persoas"
Por Redacción |