A espera cirúrxica máis baixa de Galicia, nos Hospitais de Pontevedra e o Salnés
Por Anxo Lourido
A espera para unha intervención cirúrxica nos hospitais públicos de Pontevedra e do Salnés sitúase en 36 días, a demora media máis baixa de todas as provincias galegas, segundo explicou o xerente da área integrada, José Manuel González, que ofreceu durante este venres 5 de febreiro os datos oficiais do Servizo Galego de Saúde en relación ás atencións médicas realizadas no ano 2015 nos centros hospitalarios de Pontevedra e O Salnés. A cifra sitúase 42 días por debaixo da media galega que se establece en máis de 78 días de espera.
Nestes hospitais atendéronse 28.000 ingresos e realizáronse preto de 25.000 intervencións cirúrxicas, ás que hai que sumar máis de dous millóns de consultas externas tanto en hospitais como en centros de saúde e máis de 317.000 urxencias de primaria e de especializada. Estes datos ofrecen unha media de actividade de 100 intervencións cirúrxicas, máis de 8.000 consultas e 869 urxencias atendidas cada día nestes centros.
23.046 pacientes ingresaron en Montecelo e no Provincial, mentres que 4.958 fixérono no Salnés. Tamén se realizarón 40.000 consultas de enfermería, o dobre que no ano 2014.
PROXECTOS PARA 2016
Segundo os datos que manexa o SERGAS, as vías rápidas chegaron a atender a máis de 950 pacientes con sospeita de padecer cancro nun prazo inferior a unha semana. González destacou a importancia de actuar canto antes para facer fronte a esta enfermidade antes de iniciar o tratamento.
Neste sentido, o xerente anunciou que durante 2016 poñerase en marcha o programa de detección precoz de cancro de colon, un dos máis frecuentes, para atender a ao redor de 75.000 persoas con idades comprendidas entre os 50 e os 69 anos. Ademais, o obxectivo é acometer unha renovación tecnolóxica cunha segunda resonancia para Montecelo, a dixitalización de radioloxía e novos mamógrafos dixitais.
Para este ano, González tamén ten previsto ampliar a unidade de atención domiciliaria e a unidade de paliativos. Tamén está previsto que no primeiro semestre finalicen as obras do novo centro de saúde de Marín e a ampliación do Hospital do Salnés, co cambio de urxencias e a ampliación da área de obstetricia e partos.
Sobre o Hospital de Monte Carrasco, José Manuel González sinalou que carecía de nova información en relación con este proxecto. Indicou que o novo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, non lle notificaba cambios sobre os plans previstos en infraestruturas sanitarias de Pontevedra.
En canto ás obras que se están acometendo para a creación da nova praza ante o Hospital Provincial, o máximo responsable da área sanitaria sinalou que non tiña coñecemento de que provocasen molestias nos pacientes nin nos servizos. En canto á derriba do muro que limita o Hospital Provincial que o goberno local quere eliminar para entregar a entrada do centro sanitario na praza apuntou que se trata dun tema que levan directamente o técnicos Patrimonio da Xunta de Galicia.
Relacionadas:
-
Nos hospitais de Pontevedra e O Salnés agárdase por unha operación 29,8 días, a demora máis baixa de Galicia
Por Redacción |
-
Sacan os petos á rúa para loitar contra o cancro con investigación
Por Oskar Viéitez |
-
Destinan 2,5 millóns para comprar material cirúrxico para os hospitais de Coruña e O Salnés
Por Redacción |
-
A sanidade en Pontevedra: un modelo asistencial centrado no paciente
Por Noticia patrocinada |
-
Xuntanza "cordial" entre o Concello e Sanidade, sen chegar a acordos
Por Oskar Viéitez |
-
Proxectan prolongar a praza peonil do Hospital Provincial ata o cruzamento de Antón Fraguas
Por Diego Espiño |