O PP critica ao goberno municipal por "olvidarse" do campo de fútbol de Ponte Sampaio
Por Alejandro Espiño
A mellora do campo de fútbol de Ponte Sampaio e o seu contorno depende, segundo o Partido Popular, en primeiro lugar dun trámite municipal: que o Concello de Pontevedra solicite ao Servizo Provincial de Costas a declaración de innecesariedade dos terreos. De aí que o grupo municipal do PP presentará unha moción no vindeiro pleno para se "inicie dunha vez por todas" os trámites para a desafectación do recinto deportivo e a praza da Xunqueira.
Así o indicou o voceiro do PP, Jacobo Moreira, que visitou a zona acompañando á xefa provincial de Costas, Cristina de Paz. Ambos mantiveron un encontro co presidente da asociación de veciños Heroes de Ponte Sampaio, Ramón Agulla, e o presidente do club de fútbol Unión Sampaio, Antonio Agulla. Neste encontro tamén estiveron os concelleiros populares César Abal e Eloísa Nogueira.
"ÿ absolutamente sorprendente que tras trece anos no goberno, BNG e PSOE non pediran aínda a desafectación; non lles custa nada facelo. Solicitaron a do colexio, que está ao lado, pero casualmente esquecéronse do campo de fútbol", dixo Moreira, quen se comprometeu tamén cos veciños a xestionar o derrubamento do muro e da grada da instalación para abrir o recinto deportivo á praia unha vez que o Concello inicie os devanditos trámites.
O voceiro do PP explicou tamén que no momento no que o goberno de Lores solicite a declaración de innecesariedade, xa poden pedir tamén unha autorización provisional para mellorar o estado do campo de fútbol. "Non entendo como non se fixo antes, unha actuación destas características permitiría recuperar a praia de Ponte Sampaio e redundaría nunha mellora do medio ambiente", indicou.