Mil estudantes contarán cun novo plano de zonificación escolar para o curso 2017/18
Por Redacción
Os vinte centros educativos públicos de Pontevedra recibiron o novo plano de zonificación para a distribución de alumnos nos colexios de Infantil e Primaria de fronte ao curso 2017/18.
O documento foi elaborado pola Inspección Educativa en colaboración co Servizo de Transportes, coa idea de delimitar as zonas dos centros de forma máis sencilla que coa proposta actual, segundo se expón desde a Xunta de Galicia. Garántese así praza a todos os alumnos que viven máis próximos a cada colexio.
Para a elaboración deste plano, o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, mantivo ao longo do mes de xaneiro diferentes reunións coas direccións dos centros educativos. Durante os próximos días tamén se informará sobre esta proposta aos centros de Secundaria. Tras recibir a proposta, os colexios levarán esta proposta aos consellos escolares, que terán de prazo ata o 22 de febreiro para presentar alegacións.
Tras este período, o plano será levado ante o Consello Escolar Municipal e á Xunta Provincial de Directores para que, finalmente, sexa a Xefatura Territorial quen aprobe este documento.
César Pérez Ares afirma que a aplicación terá que esperar ao curso 2017/18 porque os prazos atópanse moi axustados e quere que leve a cabo un proceso transparente e de consenso.
O máximo responsable de Educación en Pontevedra indicou que o novo documento xustifícase a que a distribución demográfica da poboación variou en relación coa última zonificación, por este motivo uns centros atópanse máis saturados de alumnos que outros. Esta situación provoca que existan centros con escasa demanda por parte dos alumnos, como sucedía no colexio de Barcelos, e outros nos que resulta moi complicado obter praza.
Segundo explica o responsable educativo en Pontevedra naceron 707 nenos en 2013 e as prazas que se ofertarán para o curso 2016/17 achegaranse ás 1.000. Engadiu que é necesario buscar o equilibrio para evitar que se perdan unidades nos centros.
Os criterios xerais para definir a nova zonificación céntranse, entre outros apartados, na distancia do domicilio do alumnado ao centro educativo; a simplificación do camiño de acceso ao centro e na estabilidade do persoal para evitar reducir liñas nos centros.
Relacionadas:
-
Así será o novo mapa de zonificación escolar de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O Consello Escolar Municipal, pendente de recibir o novo mapa escolar
Por Redacción |
-
Reclaman á consellería de Educación o novo mapa escolar "que leva un ano metido nun caixón"
Por Redacción |
-
Educación estuda a rezonificación da cidade para distribuir as prazas dos colexios públicos
Por Redacción |