Imputan dous mozos 'cazados' mentres facían carreiras de coches en Vilaboa de madrugada
Por Natalia Puga
Dous mozos de 23 e 26 anos foron imputados por un delito contra a seguridade vial tras ser cazados pola Garda Civil conducindo por Vilaboa de forma "manifestamente temeraria" e facendo "manobras de competición circulando a gran velocidade".
Segundo o subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra, os imputados son A.R.C., de 23 anos de idade e veciño de Soutomaior, e A.S.R., de 26 e con domicilio en Vilaboa. As dilixencias instruídas serán entregadas no Xulgado de Instrución número 2 de Cangas, onde terán que presentarse cando sexan requiridos.
Os feitos sucederon na madrugada do sábado a domingo. Unha dotación de Tráfico detectou a dous turismos Mercedes e Renault facendo as citadas competicións pola estrada N-554 ao seu paso polo termo municipal de Vilaboa. Ían á gran velocidade nun tramo limitado a 50 quilómetros por hora ao ser travesía.
A patrulla intentou ordenar a súa detención pero ambos os dous déronse á fuga a gran velocidade sen respectar as normas de circulación nin sinais, poñendo en perigo a seguridade dos demais usuarios da vía cos que estiveron a punto de colisionar.
Posteriormente, a raíz das investigacións realizadas por Grupo de Investigación de Tráfico logrouse localizar ambos os dous condutores, aos que se lles imputou o referido delito contra a seguridade vial.