A peonalización de Benito Corbal progresa axeitadamente
Por Natalia Puga
O Concello de Pontevedra anunciaba en novembro que o tramo de Benito Corbal entre Sagasta e Cobián Roffignac sería peonalizado despois de Nadal, "en xaneiro ou febreiro". Coa data xa moi enriba non se viron movementos tendentes a executar esta actuación que se considera o principal proxecto municipal dentro dunha profunda reordenación do tráfico e a mobilidade urbana nunha das zonas de maior afluencia de automóbiles e peóns.
O concelleiro de Mobilidade, Luis Bará, enfrontouse este luns ás preguntas da prensa sobre este "retraso" na actuación e respondeu que "non é propiamente atraso", senón que dende que se anunciou a medida o Goberno local estivo a realizar xestións e "esperemos que vaia avanzando para poder facelo canto antes".
Segundo indicou, "está en tramitación" e "o que estivemos facendo nestas semanas é recompilar todas as necesidades e propostas de taxistas e outras colectivos que nos fixeron suxerencias, houbo que incorporalas ao proxecto". Ao respecto, resulta salientable que a parada de taxis de Benito Corbal cambiará de situación para o tramo entre Sagasta e Cobián Roffignac, inutiliza a súa actual situación.
Tras estas xestións decidiuse que a reforma asociada á peonalización deste tramo de Benito Corbal "vai ampliando ou seu ámbito de actuación" e "non se trata duha actuación en Benito Corbal, houbo que incorporar actuacións en Cruz Gallastegui, Castelao, Daniel de la Sota e Sagasta,".
Unha vez incorporado todo ao proxecto, nestes momentos "despois de incorporar todas esas cuestions, están no procedemento de contratación e cando vaiamos resolvendo todos os casos administrativos, informaremos", anunciou Bará, sen dar nin unha data aproximada.