O Concello de Cuntis reclama arranxos na Rúa da Palma
Por Redacción
O Concello de Cuntis solicita á Deputación de Pontevedra arranxos nun dos principais accesos ao municipio. Unha das principais entradas é a que transcorre pola Rúa da Palma, por onde pasa a estrada provincial EP-8402. Ademais, esta estrada da acceso á zona escolar, ao castro de Castrolandín e ao parque de Maráns, dous dos principais reclamos turísticos do pobo.
A rúa consta de catro tramos que deben arranxarse. No primeiro tramo atópanse os accesos á zona escolar, ten beirarrúas a ambos os dous lados de 2 metros de ancho pero con baldosas rotas ou levantadas dificultando o paso por elas. "O carril é de dobre circulación sen delimitar e ao ter aparcadoiro en ambas as marxes resulta difícil diferenciar entre o carril de circulación e o aparcadoiro", dixo Anxo J. Güimil, arquitecto do Concello.
No segundo tramo atópase o acceso ao cemiterio municipal. "Ao non ter beirarrúas os peóns vense expostos ao tráfico constantemente", afirma o arquitecto. Os carrís son de dobre sentido do mesmo xeito que no resto da estrada.
Polo terceiro tramo accédese ao cuartel da Garda Civil. Na súa marxe dereita conta cunha beirarrúa de 2 metros, mentres que na marxe esquerda ten "un pequeno bordo de difícil acceso para os peóns", declara Anxo Güimil. Os carrís de circulación son un pouco máis anchos de 6,5-7 metros.
O último tramo accede aos principais atractivos da zona, o castro de Castrolandín e o parque de Maráns. "É o tramo máis perigoso porque non existen beirarrúas e os peóns vense obrigados a cruzar pola marxe da estrada", dixo o arquitecto municipal. O carril de circulación é de dobre sentido, 6,5-7 metros na parte máis ancha e uns 4,5 metros na parte máis estreita facendo que o paso de vehículos ao mesmo tempo se dificulte. Ademais, a rede de saneamento non chega a este tramo.
As solucións que propón o Concello son o arranxo de beirarrúas nas zonas de difícil acceso para os peóns e a delimitación dos carrís, xa que actualmente "o paso de vehículos e sobre todo do autobús escolar cara á zona do colexio é dificultosa", resalta o técnico encargado.
Adaptación dos pasos de peóns con ramplas de acceso ás beirarrúas e colocación de lombos para reducir a velocidade dos vehículos e, por último, creación dunha pasarela para o acceso dos peóns a través da ponte.
Ademais do arranxo desta estrada principal varios núcleos de poboación reclaman reformas, como Cardecide, Xinzo, A Ermida e Cerqueril que solicitan a delimitación da zona a 30km/h polos continuos cruces de persoas maiores. San Mamede, Soutelo, A Sobreira e Cornado tamén piden esta medida. Ademais Piñoi solicita maior visibilidade e o arranxo do aparcadoiro existente que hai nas proximidades da igrexa de Arcos de Furcos.