Alertan do perigo de derrube na igrexa de Caritel
Por Redacción
Os veciños de Caritel expresaron nas últimas horas a súa preocupación polo risco de derrube da espadana que sustenta as campás da igrexa parroquial.
O templo atópase acordoado ante o perigo despois de que parte da fachada se desprendese no último temporal.
Ante este panorama, a Mancomunidade de Montes de Caritel púxose en contacto co Arcebispado de Santiago para poñerlles en coñecemento da situación e ofrecerse a mediar ante Xunta, Deputación e Concello en busca dunha solución que evite o derrubamento.
Ademais do estado da espadana, alertan tambén da mala situación de dous contrafortes que perderon a súa verticalidade e que habería que corrixir.