O Concello agarda que en 2017 haxa "como mínimo" catro taxis adaptados na cidade
Por Alejandro Espiño
Dos máis de oitenta taxis que operan na cidade de Pontevedra, tan só un está adaptado para persoas con discapacidade. Trátase dunha deficiencia na accesibilidade universal que se pretende corrixir nos próximos meses.
O Concello de Pontevedra, seguindo un acordo unánime no Pleno, convocará en próximas datas unha liña de axudas para fomentar a ampliación do número destes 'eurotaxis'.
Para iso, o concelleiro Luís Bará mantivo este venres unha reunión con representantes de COGAMI e dos taxistas pontevedreses para presentar o borrador das bases que regularán estas axudas e recoller as súas suxestións e achegas para regular todo este proceso.
En principio, o goberno municipal reservará unha partida de 10.000 euros para subvencionar a compra de vehículos adaptados que substitúan aos taxis actuais. Prevese unha subvención de 5.000 euros por coche, de forma que esperan incorporar dous ou tres novos 'eurotaxis' en 2016 -Bará sinalou que esta partida pódese ampliar en función da demanda- e outros tantos na convocatoria correspondente a 2017.
En todo caso, o Concello aspira a que en 2017 haxa "como mínimo" catro taxis adaptados, cumprindo así a normativa europea que obriga a que o 5% dos taxis da cidade sexan aptos para as persoas con mobilidade reducida.
Ademais, a estas axudas tamén poderán acceder os que adaptasen xa o seu vehículo entre o 1 de xaneiro de 2014 e a actualidade.
O goberno municipal estuda a posibilidade de que teñan prioridade nestas axudas aqueles taxis que estean próximos á súa caducidade, xa que a lei obriga a cambiar os vehículos cada dez anos, pero de entrada as subvencións concederanse por orde de entrada da solicitude.
Os interesados terán un mes de prazo para solicitar estas axudas, unha vez saian publicadas as bases, e despois terán que adquirir o novo vehículo dentro do seguintes seis meses.
O Concello traballa tamén sobre a posibilidade de aprobar, xa de cara o próximo ano, outra liña de subvencións para axudar aos taxistas para sufragar os gastos de mantemento que xeran estes coches porque son "moi custosos" e que obrigan a un investimento "moi grande", segundo explicou Luís Bará.
Relacionadas:
-
O Concello subvencionará a adquisición de taxis adaptados
Por Redacción |
-
Pontevedra estreará dous novos eurotaxis
Por Redacción |
-
Tres taxistas piden axudas para pasar a ter 'Eurotaxis' adaptados a persoas con mobilidade reducida
Por Redacción |
-
Lores conta cos taxistas para establecer un transporte público a demanda no rural
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |