A Deputación asumirá o papel de ser o referente das cidades amigas dos nenos
Por Mónica Patxot
O vicepresidente da Deputación provincial, César Mosquera, anunciou este mércores tras a reunión mantida con máis de 40 alcaldes e concelleiros que a Deputación de Pontevedra liderará, xestionará e servirá de delegación do proxecto da 'Cidade dos nenos' impulsado polo sociólogo italiano Francesco Tonucci.
Mosquera subliñou que "hai moito interese dos concellos pontevedreses e tamén da comunidade escolar en traballar co obxectivo de dar maior autonomía aos nenos e nenas no deseño do espazo público. Imos tirar para adiante e a Deputación asumirá o papel de ser o referente na provincia, en Galicia e, se cadra, no Estado".
Pola súa banda, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que deu a benvida aos rexedores, dixo estar "apaixonada" por este proxecto e suliñou que "unha sociedade que non pensa en clave dos seus nenos e nenas non ten futuro e nós queremos un bo futuro".
O proxecto de 'Cidades amigas dos nenos' baséase en dous piares: que os nenos participen no goberno da súa cidade e recuperen a súa autonomía mediante un deseño dos espazos públicos axeitado. Neste último aspecto, o sociólogo italiano propón a utilización dos camiños escolares como primeiro chanzo para actuacións máis globais.
Mosquera explicou aos rexedores que é fundamental resolver os problemas nas vías de acceso aos colexios e fomentar unha percepción de seguridade para que os pequenos poidan desprazarse sen compañía de adultos no seu camiño diario á escola.
Como proposta de actuación, Mosquera explicou que a Deputación ofrecerá asesoramento técnico e promoveranse charlas e encontros dos representantes municipais con persoal da fundación de Francesco Tonucci (incluso visitas do mesmo sociólogo italiano a cada concello), con funcionarios e asesores da Deputación provincial, do Centro Nacional de Educación Ambiental (CENEAM) do Ministerio de Medio Ambiente e doutros colectivos formados ao respecto. Tamén se repartirá material informativo para poder levar adiante as iniciativas.
En canto ás actuacións de mellora física das estradas, o vicepresidente instou aos concellos a utilizar o Plan Móvese (Mobilidade e Velocidade Segura) que está a impulsar a Deputación de Pontevedra para mellorar os puntos conflitivos das vías provinciais nos contornos de centros escolares e en zonas de elevado tránsito peonil.
Lembrou que as actuacións de calmado do tráfico que se realicen ao abeiro dese plan serán financiadas integramente pola institución provincial.
Concellos como O Grove, Ponte Caldelas ou Caldas, entre outros, manifestaron a súa intención de sumarse á iniciativa. Nalgúns casos, de feito, de xeito inminente. A incorporación non suporá ningún custe económico nin cuota para os municipios e é totalmente voluntaria e desinteresada.
Relacionadas:
-
A Deputación, exemplo en mobilidade sustentable para Tráfico
Por Alejandro Espiño |
-
Tonucci: "Hai que pensar a mobilidade doutra maneira e niso en Pontevedra son os mestres"
Por Redacción |
-
Alcaldes da provincia acuden ao encontro de Tonucci, o gurú da 'cidade dos nenos'
Por Oskar Viéitez |
-
Os concellos da provincia solicitan máis de mil lombos á Deputación
Por Redacción |
-
Unha provincia 'amiga dos nenos', proposta de César Mosquera aos alcaldes
Por Redacción |
-
Lombo vai, lombo vén polas estradas da provincia
Por Natalia Puga |
-
O Concello busca voluntarios para os Camiños Escolares
Por Oskar Viéitez |
-
"Somos unha cidade pensada para as persoas, onde os espazos que restamos aos coches devólvense aos peóns"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Escolares sós, pero en compañía
Por Redacción |
-
Pontevedra, cidade amiga dos nenos
Por Redacción |