Arturo Casal, responsable local de NN.XX. do PP: "Queremos dar argumentos fortes ás nosas bases porque os que somos do PP tendemos a calar"
Por Anxo Lourido
Arturo Casal é un mozo de 28 anos, natural da parroquia de Xeve, que dende xullo de 2012 ten a responsabilidade de dirixir e dinamizar ás bases do Partido Popular en Pontevedra. Fala en lingua galega e móstrase satisfeito por poñer en marcha a Escola de Formación de Novas Xeracións (NN.XX), un espazo no que se ofrecerán charlas, documentais e diversas actividades para os máis novos da agrupación política.
Arturo Casal afirma ante o primeiro acto da Escola de Formación o obxectivo desta proposta: "buscamos entrar no debate ideolóxico cultural que é onde o partido non o está a traballar ben cara á base, porque cando se está no goberno un céntrase en gobernar e non se centra en traballar cousas internas do partido. Sobre todo queremos dar uns argumentos fortes das nosas bases fronte aos demáis porque os que somos do PP normalmente tendemos a calar. Parece que temos medo das ideas".
A primeira actividade da Escola de Formación que se desenvolvemento na sede local do Partido Popular na rúa Oliva consistiu nunha conferencia do profesor de Ciencia Política, Miguel Bastos, que non dubidou en criticar algunhas medidas do goberno de Rajoy. Arturo Casal entende as críticas: "son ideas que están dentro da organización. Nós sempre pedimos a baixada dos impostos. Esa medida do presidente do Goberno ten que ser tomada porque non sabemos que condicións hai que asumir por recibir cartos de Europa. Aí xa entramos dentro do xogo político. Entra a Comisión Europea, o Fondo Monetario, os bancos que son outros actores políticos, pero vai en contra do que nós pensamos. Como sabemos durante toda a campaña dixemos que non queriamos subir os impostos Foi un golpe duro para todos". Pero o responsable dos cachorros pontevedreses do PP alega: "cando vexo xente do PSOE que critica a Rajoy, non entendo porque se lle critica porque é o mesmo que fixo Zapatero. o que di o Psoe entra dentro das nosas ideas. Non temos porque ter vergonza pero a situación é a que é e, polo momento, hai que aguantar".
Nin elitistas, nin "pijos", nin soberbios
"Queremos atraer á xente e que non nos vexan diferentes. Temos problemas, tamén estamos no paro"
Casal afirma ter clara a postura que se debe desenvolver dende as bases populares: "nós temos que ser críticos, se nós mesmos non vemos os erros que cometemos e seguimos abundando no mesmo erro, ao final van volver mandarnos á oposición". Na actualidade, NN.XX. en Pontevedra conta con arredor de 200 afiliados pero o objectivo é aumentar a súa presenza: "a Escola é unha forma de abrir a organización e darnos a coñecer. Moita xente ten unha visión de nós que non é a real". E é que Arturo Casal confesa como chegou a entrar no Partido Popular: "Eu non sempre fun do PP. Cando estaba na Universidade era dos máis guerrilleiros nese sentido. Pero comecei a ir a mítines do PP e coñecín ás persoas de dentro do PP, sobre todo xente do rural, e vin que eran coma min e non eran elitistas, nin "pijos", nin soberbios. Todo o contrario, era xente coma min, humilde. E aí é cando se ve que o PP de Galicia é o que máis se parece a Galicia como din Feijóo e Louzán. Tamén hai ovellas negras, claro, pero como en todas as casas. Queremos atraer á xente e que non nos vexan diferentes. Temos problemas, tamén estamos no paro. Non somos un mundo aparte. Somos iguais. Eu son de Xeve", afirma con contundencia.
O presidente local de NN.XX. síntese orgulloso do traballo que ven desenvolvendo nos últimos sete meses: "un dos grandes problemas que tiña ata agora era que, por exemplo, a xente do campus que quería afiliarse vía que non había actividade e, polo tanto, pasaba. Queremos reactivar a organización. Estiven no Congreso de Lugo e hai un cambio dentro de NN. XX. bestial cara a Pontevedra. Xa somos unha referencia. Cando un traballa se ve o respecto da xente". E Arturo Casal entende que a través da Escola de Formación mesmo conseguirán atraer a persoas doutros Concellos. Na primeira charla xa asistiron mozos de Poio e Caldas de Reis.