A Garda Civil investiga un incendio de madrugada nun piso de San Vicente do Mar
Por Redacción
Unha dotación do Parque de Bombeiros do Salnés tivo que empregarse a fondo para apagar as chamas do terceiro piso do número 20 da rúa Barrosa en San Vicente do Mar no Concello do Grove.
O 112 alertaba as 6:25 da mañá que se iniciara un lume nun edificio de tres pisos nesta zona turística. Ata a zona desprazáronse tanto os Bombeiros do Salnés como a Garda Civil. Enfronte do edificio atoparon ao fillo do propietario da vivenda. Tiña cortes nos brazos e os veciños doutros inmobles afirman que estivera lanzando papeis ardendo pola ventá. O resto do edificio encontrábase baleiro.
Debido á madeira, materiais sintéticos e outros obxectos inflamables que se encontraban na vivenda as chamas estendéronse rapidamente polo piso afectando principalmente ao salón e estragaron varias habitacións da casa. Debido á actividade que se levou a cabo no inmoble, as forzas da orde tamén decidiron desaloxar unha vivenda do edificio contiguo.
A Garda Civil investiga agora as causas do suceso para descubrir as estrañas razóns polas que comezou o lume.