O CHOP perfila novos plans de estudos trala súa declaración como hospital universitario
Por Redacción
O xerente de Xestión Integrada de Pontevedra e Salnés, José Manuel González, e o presidente da Comisión de Docencia da área, Cristóbal Galbán, reuníronse en Santiago co decano da facultade de Medicina, Juan Gestal, para concretar aspectos da incorporación de alumnos desta titulación ao Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP) trala recente declaración do centro sanitario pontevedrés como Hospital Universitario, e perfilar os plans de estudo cara o curso 2013-2014.
O CHOP foi declarado Hospital Universitario o pasado mes de novembro, recoñecéndose o nivel de calidade e prestixio acadados polo labor asistencial, docente e de investigación do centro sanitario. Esta declaración supón que o centro poderá, a partir de agora, impartir tamén docencia pregrao, tanto en períodos lectivos como non lectivos, en titulacións de ciencias da saúde, especialmente en Medicina.
Na reunión mantida este xoves en Santiago concretáronse aspectos da incorporación de alumnos de 5º e 6º curso de Medicina ao CHOP a no curso 2013-2014, para a realización de docencia programada, seminarios e prácticas.
Isto facilitará que os estudantes de Medicina procedentes da área norte de Pontevedra que o desexen podan realizar as prácticas e amplos períodos de docencia programada, nun ámbito hospitalario de recoñecido prestixio, tanto polas súas instalacións como polos seus profesionais, e próximo a súa residencia.
O centro sanitario pontevedrés conta coa infraestructura necesaria para o desenvolvemento da docencia con aulas polivalentes, bibliotecas, salas específicas para a investigación, e salóns de actos, para a celebración de seminarios, simposios, xornadas, congresos ou conferencias. Dende o punto de vista asistencial conta tamén cun número amplo de pacientes e patoloxías que permitirá aos alumnos facer diagnósticos, coidados e desenvolvemento do plan terapéutico.