Goles para o comedor social de San Francisco
Por Marisa Ciordia
É mediodía. A charcutería do hipermercado salpicada de clientas facendo as súas compras. Entre elas, os dous promotores da iniciativa solidaria que lles levou ata aquí. Empuxan un carriño baleiro que unha vez feito o pedido encherase de embutidos. O seu destino: o comedor social de San Francisco.
O pasado sábado 26 no campo da Xunqueira celebraron o sétimo partido de fútbol amistoso "Amigos de Honorio e Amigos de Jalo". Un par de semanas antes do encontro póñense en contacto co Pai Gonzalo para preguntar que carencias teñen nas despensas do comedor e que necesitan de forma prioritaria. A resposta adoita ser a mesma: fiambres cos que facer os bocadillos que reparten para as ceas.
E como xurdiu todo isto?. En 2006 Honorio Fontán e Juan Riveiro crearon o Montajes Iglesias para xogar na liga de veteranos. Un como directivo e outro como adestrador. "Cando estabamos con aquilo vimos o de amigos de Raúl e amigos de Ronaldo; e dixemos: por que non facemos nós tamén un partido benéfico?. Así que ao ano seguinte xa xogamos o primeiro dos partidos", explica Juan mentres Honorio asente.
Desde entón non fallaron un nadal. Cada capitán ten seleccionados aos seus xogadores "e cada ano vanse incorporando máis porque á xente gústalle e queren vir", di orgulloso Honorio. A convocatoria reúne a medio centenar de futbolistas. A achega económica para xogar é libre a partir dos cinco euros. O público que acode a animar tamén fai a súa achega, o mesmo que o árbitro, quen voluntariamente se ofrece para vestir a camiseta negra. Como bo evento que se tercie destas características hai saque de honra. Esta vez foi o escritor pontevedrés Manel Loureiro o primeiro en xutar o balón.
Familiares e amigos dun equipo e doutro, en definitiva, de todos, animan o partido. E finalizado, o resultado 4-3 a favor de Fontán; un marcador que coincide coas vitorias que acumula nestes anos. "Para o ano déixoche gañar" chancea con retranca. Ambos aseguran que non hai piques entre os capitáns; os seus grupais de wasap terán a verdade: "no noso, dicímonos: este ano imos darlles caña" segue coa chanza Honorio, quen remata espetándolle a Riveiro: "por certo, non vin fotos entregrándome o trofeo, eh!".
Doce e media do mediodía. Aparcan xunto á entrada ao comedor social, onde xa agarda un bo número de persoas para a hora da comida. Preguntan polo pai Gonzalo, pero está a atender outros mesteres. Cargan coas bolsas: "este ano recadamos máis. Cada vez superámonos", comenta Juan, non exento de satisfacción. Os voluntarios que traballan no comedor indícanlles e axudan na entrega dos embutidos e fiambres. Momento tamén para o agradecemento por ter en conta cada ano a esta institución pontevedresa.
Montan no coche, toca volver aos seus quefaceres diarios. De camiño xa comentan: "para o ano temos que...". Con esa boa disposición, seguro que o que vos propoñades.