A CIG convértese no sindicato maioritario na comarca malia perder forza en ENCE
Por Anxo Lourido
A CIG logrou situarse como primeira forza sindical na comarca de Pontevedra e a nivel local tras as últimas eleccións para escoller os representantes dos traballadores nas empresas e administracións públicas. A central nacionalista obtivo 540 delegados fronte aos 440 de UGT e os 400 de CC.OO., incrementando a súa representación do 29,16% obtido en 2011 a 32,75% deste 2015.
O secretario comarcal da CIG, Marcos Conde e o secretario de organización, Rafael Iglesias valoraron en rolda de prensa estes resultados afirmando que é a primeira vez na historia da democracia na que esta central logra converterse na forza máis votada. A CIG obtivo 62 delegados no sector da construción, 137 na federación de mar e transporte, 100 en servizos, 75 no metal, 43 en ensino e 25 en química e enerxía, por encima de UGT e CC.OO. Pola súa banda, CC.OO obtiña maioría en banca e en saúde.
Ambos os dirixentes sindicais entenden que este ascenso no número de delegados derívase de que o sindicalismo "estatal", en referencia a UGT e CC.OO., non se atopa á altura das circunstancias e, por exemplo, non pelexaron ante a reforma laboral levada a cabo polo Partido Popular.
BAIXADA EN ENCE
Con todo, estas cifras atopan o seu contraste na factoría de Ence en Lourizán. Na empresa situada na ría pontevedresa, durante os últimos anos a CIG foi perdendo apoios pasando de ser a forza máis votada con maioría no comité que hai 10 anos encabezaba Xosé Santiago Pesqueira a converterse no terceiro sindicato dentro da fábrica, con tres representantes fronte aos 6 de UGT e os 4 de CC.OO, sen obter delegados nas últimas eleccións celebradas o 21 de decembro nas que se ampliaba o número de membros do comité.
Marcos Conde apuntou, neste sentido, que a situación dentro da fábrica é cíclica e que sempre mantiveron unha liña sen fisuras en relación co futuro da fábrica. Pola súa banda, Rafael Iglesias, entende que a causa desta baixada de representantes sindicais está relacionada co apoio que a empresa presta a outros sindicatos.