Ponte Caldelas informará aos veciños da actividade municipal a través dunha APP
Por Redacción
Tokapp Shool. Así se chama a APP que pon en marcha o Concello de Ponte Caldelas para informar directamente aos veciños da actividade municipal. Trátase dun servizo que permitirá enviar mensaxes sen límite de caracteres a todos aqueles que posúan ordenador, tablet ou smartphone e que se dean de alta nas oficinas municipais.
Este novo sistema irá paulatinamente substituíndo ao vello existente, baseado nos SMS, que segundo o goberno municipal era moito máis caro -2.000 euros anuais fronte aos 600 deste novo sistema- e limitaba o uso a un máximo de tres mensaxes mensuais, todos eles de moi poucos caracteres.
Esta nova aplicación de descarga gratuíta e instalación intuitiva é moi sinxela e permite enviar todos aquelas mensaxes que se precisen, sen límite de caracteres. Poderanse incluír ademais imaxes, vídeos e todo tipo de datos.
Para beneficiarse deste sistema só fará falta darse de alta nas oficinas municipais, descargar gratuitamente a aplicación e entrar a formar parte da rede de información do Concello a través de ordenador, táblet ou smarphone.
O goberno local asegura que todo isto “abundará na inmediatez do coñecemento da información emanada desde o Concello ao tempo que mellora a transparencia e o contacto directo entre os cidadáns e administración local”.
"Ponte Caldelas avanza cos tempos e temos que estar á altura da demanda de información e inmediatez que os cidadáns piden da súa administración", sinalou o alcalde, Andrés Díaz, na presentación desta APP que, destacou, "rematará coa vella práctica de que só se enteraran tres ou catro amiguetes da convocatoria dos cursos, bandos, programas ou contratacións e agora todo o mundo vai poder estar informado de todo á vez e case en tempo real".