Así será o escaneado en 3D do xacemento de García Escudero
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra disporá de imaxes en tres dimensións dos restos arqueolóxicos da praza de Valentín García Escudero con precisión milimétrica grazas ao levantamiento topográfico executado por Enmacosa con tecnoloxía de última xeración.
Non será a primeira ocasión na que esta empresa con sede en Portonovo cumpra con este tipo de encargas para o concello. No ano 2008 xa se fixo outro plano topográfico tridimensional, neste caso do santuario da Peregrina. O orzamento destes traballos é de 9.801 euros.
A cubrición do 40% do xacemento contan cun investimento de 80.000 euros. Os traballos comezarán o luns coa limpeza xeral do recinto por parte da empresa Eiriña. Logo virá una limpeza máis polo miúdo encargada a Tomos Conservación e Restauración.
A terceira parte desta obra será o escaneado do conxunto arqueolóxico.
Arredor de mes e medio ou dous meses (en función do tempo), durará o proxecto que rematará coa cubrición dos restos empregando unha capa xeotextil, xabre e tratamento en superficie a cargo da empresa Eiriña e cun orzamento de 60.411,38 euros. Todos estes traballos estarán supervisados pola empresa Citania, encargada do control arqueolóxico.
Para levar a cabo o escaneado empregarase un láser-escáner de alta resolución (Leica).
Xa se fixo outro plano topográfico tridimensional do santuario da Peregrina.
Para o modelado en 3D tomarán imaxes desde diferentes lugares, incluíndo cubertas de edificios e vivendas particulares levantando un mapa tridimensional de absoluta precisión.
Este láser-escáner fai un varrido 360º en horizontal e 270º en vertical.
Como exemplo do alto nivel de detalle deste sistema subliñan que o espaciado de puntos pode chegar a 1 milímetro, cunha velocidade máxima de escaneado de ata 50.000 puntos por segundo.
Unha vez feito o escaneado, os técnicos traballarán con todos estes datos nunha nube de puntos unificada, e empregando as fotografías realizadas polo propio equipo láser escáner, colorearán cada punto co pigmento que ten na imaxe real.
O resultado permitirá traballar con este xacemiento histórico unha vez que sexa enterrado, por terceira vez, e ata que se volva a destapar.