A Lama abre o prazo para inscribirse como voluntario na agrupación de Protección Civil
Por Redacción
Persoas maiores de 18 anos, con tempo libre e valores altruístas. É o que demanda o Concello da Lama para formar parte como voluntario na agrupación de Protección Civil que está a impulsar esta administración local.
Os membros desta nova agrupación local colaborarán nas súas funcións cos seus homólogos de Covelo, Fornelos de Montes, Mondariz e Mondariz-Balneario co fin de ampliar a capacidade de resposta cidadá ante situacións de emerxencia civil.
Aquelas persoas que queiran formar parte da Agrupación Local de Protección Civil da Lama terán que someterse a un curso básico, eminentemente práctico e con formación interactiva que lles achegará coñecementos elementais en primeiros auxilios, emerxencias no ámbito familiar, accidentes de tráfico, organización de eventos con concentracións de persoas e simulacros de evacuación.
Todos eles participarán en actividades prácticas de prevención de riscos a favor dos seus veciños asistindo a eventos, actuando en campañas de autoprotección, colaborando coas autoridades e efectivos de emerxencias en accidentes, temporais, nevadas ou incendios.
A decisión do Concello da Lama de impulsar a creación desta agrupación local de Protección Civil prodúcese despois da reunión mantida cos alcaldes de Covelo, Fornelos de Montes, Mondariz e Mondariz-Balneario á que asistiu o director xeral de Emerxencias e Interior, Luís Menor, coa intención de crear un servizo que tivese capacidade de dar unha resposta inicial a situacións de emerxencia nesta ampla zona do interior da provincia de Pontevedra.
O alcalde da Lama, Jorge Canda, sinalou a importancia de que o Concello contase cunha agrupación local de Protección Civil coa fin de canalizar as accións do voluntariado no municipio á vez que se prestaría un importante labor social relacionado cos labores preventivos e de asistencia inicial en caso de emerxencia de todo tipo.
Relacionadas:
-
Quince voluntarios conforman a xestora da agrupación de Protección Civil Oitavén-Tea
Por Redacción |
-
A Lama concederá axudas de 500 euros a cada bebé nado no municipio
Por Redacción |
-
A xestión das emerxencias, dende dentro: cara o reto da integración e a coordinación
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Ponte Caldelas propón unha agrupación conxunta de Protección Civil con Cotobade, A Lama, Soutomaior e Fornelos
Por Redacción |