Un "food lab market" para dinamizar a praza de abastos
Por Marisa Ciordia
O Concello de Pontevedra ten mes e medio para concluír e presentar ao Goberno a súa estratexia para unha cidade intelixente, sustentable e integradora. É un documento susceptible de subvención dos fondos europeos FEDER coa nada desdeñable cantidade de 15 millóns de euros; é dicir o 80% da contía total que é de 18.700.000 euros. A tal fin contratouse unha asistencia técnica, mantéñense reunións con colectivos da cidade e trasladouse tamén aos grupos políticos municipais para que fagan as súas achegas. As propostas que se inclúen converxen co modelo económico e urbano que promove a Unión Europea.
Priorizáronse actuacións na contorna da Praza de Abastos, na zona do río Lérez, O Burgo, Mollabao, San Brais, Lourizán, Salcedo, Tomeza, Marcón, A Canicouva e Ponte Sampaio. O concelleiro delegado de Mobilidade, Luis Bará, pormenorizou as liñas deseñadas nesta estratexia. A liña integradora é a que leva propostas máis innovadoras, aínda que non por iso, expostas por primeira vez. Resulta ademais, a que maior investimento require con 5,3 millóns de euros.
FOOD LAB MARKET
A contorna da praza de abastos, e o mesmo mercado municipal perfílanse como epicentro das iniciativas. Unha delas: un mercado de novos creadores de arte, artesanía, deseño e moda, aproveitando así a oferta universitaria de Pontevedra. Para a súa localización exponse o uso de baixos da rúa Sierra que actualmente están baleiros.
Para dinamizar o mercado de abastos pensouse nun "food lab market"; isto é, un novo espazo lúdico gastronómico no que se desenvolverían actividades de innovación gastronómica, divulgativas e formativas. Segundo o concelleiro tamén se contemplan obras de mellora no interior do edificio da praza.
Completan os proxectos integradores unha partida de 700.000 euros para infraestruturas deportivas polivalentes no rural; 2,5 millóns para adecuación e equipamento do Centro Sur; 200.000 euros para programas de igualdade; e outros 200.000 euros para crear un laboratorio da infancia.
No que respecta ao ámbito de cidade intelixente expoñen un investimento de 2 millóns de euros para aplicación de novas tecnoloxías en sectores como turismo ou comercio. Para traballar na sustentabilidade propóñense actuacións nos centros parroquiais destinando 1,5 millóns de euros. Outros 3 millóns para actuacións no Burgo e Mollabao e 3,2 millóns para dar continuidade á prioridade peonil, aos camiños escolares e crear senllas interparroquiais.
Este eixo contempla tamén 1,2 millóns para equipamento de aforro enerxético no Centro Sur, no Pavillón Municipal e nos centros sociais das parroquias. Finalmente as actuacións en patrimonio natural e cultural concretaríanse nunha partida de 600.000 euros para o parque forestal da Fracha e un millón de euros para a contorna de Os Gafos.
"Imos facer un proxecto sólido e coherente" manifestaba Luis Bará, quen non destapou a estratexia que politicamente poidan expor desde o BNG para que o Goberno que resulte das urnas este 20 de decembro dea o seu visto e prace ao proxecto e poida beneficiarse das axudas europeas. En caso de non ser así, o nacionalista apuntou que "o Concello xa ten planificados e priorizados proxectos no plan de investimento ata 2020". Se se conta con fondos europeos ou non, saberase no segundo trimestre do próximo ano.
Relacionadas:
-
Apoio unánime aos proxectos que Pontevedra presentará aos fondos europeos
Por Alejandro Espiño |
-
Os socialistas presentan as súas propostas ao Concello para a convocatoria de Fondos europeos
Por Oskar Viéitez |
-
A proposta de 'Pontevedra Capital Shopping' adéntrase no Mercado de abastos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Cerponzóns tamén quere a súa parte dos fondos europeos
Por Redacción |
-
Alianza entre a Deputación e o norte de Portugal para optar aos fondos europeos
Por Alejandro Espiño |
-
Tomeza, Salcedo e Lourizán fan as súas suxestións para optar aos fondos europeos
Por Redacción |
-
O goberno local optará aos fondos europeos coa intención de acelerar proxectos en marcha
Por Redacción |