Homenaxe a Rafael Fontoira, ao canteiro maior
Por Redacción
A Escola de Canteiros homenaxeou a Rafael Fontoira Surís, coincidindo coa festividade de santa Lucía, a súa padroeira.
O arquitecto Fontoira promoveu a creación desta Escola no ano 1979. É a única no mundo na súa especialidade.
Este luns, de novo, lembrou que, nos anos da transición, o ministro de Cultura Pío Cabanillas Gallas quixo restaurar o seu pazo e non atopaba canteiros. Alarmado pola desaparición deste oficio tradicional promoveu a creación desta escola de canteiros.
Fontoira deseñou o plan de estudo, seleccionou ao profesorado, e buscou espazo para a escola, instalada inicialmente no Mosteiro de Poio, e dende o ano 2000 consigue, por fin, as instalacións que agora posúe, grazas á cesión dunha parcela da Comunidade de Montes de San Salvador de Poio, e ás achegas da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia.
Rafael Fontoira foi a alma mater deste centro desde a súa creación ata o ano 2012, no que deixou de prestar os seus servizos. A homenaxe que a escola e a Deputación lle tributan este luns, coa presenza da presidenta Carmela Silva, quen lle pediu a Fontoira que asesore á institución provincial, porque "canta máis xente escoites e poñas ao teu lado e cando realmente triunfamos todos".
Fontoira lembrou os comezos da súa traxectoria "cando eu empecei coa defensa do patrimonio éramos a fiera, o lobo. Non se podía construir, todo era derribar e construir de novo, e ademáis bastante mal. Pontevedra ten unhas partes que están bastante feas", dixo.
O intelectual pontevedrés amosouse convencido de que "o tempo vai mellorando as cousas e os novos van facelo mellor que nos ao maiores, seguro".