O Nadal chega a Poio cheo de actividades para todas as idades
Por Redacción
Desde que o pasado venres 4 de decembro Poio acendeu a iluminación festiva, todos os lugares do municipio están cheos de actividades lúdicas e culturais. Esta programación de Nadal, na que están involucradas as concellarías de Deportes, Festas, Cultura e Educación, foi presentada este venres nunha rolda de prensa celebrada no Concello.
Unha das principais actividades volverá a ser o Ludodeporte Nadal, organizado polas Escolas Deportivas de Poio para nenos de 3 a 15 anos. Será do 21 de decembro ao 5 de xaneiro, en horario de mañá, no complexo deportivo da Seca. Ten un custe de 25 euros por neno e haberá actividades de xogos predeportivos, tradicionais, cooperativos e con música, xogos no parque, deportes (fútbol, balonmán ou baloncesto) e obradoiros variados para os distintos grupos.
As figuras máis tradicionais do Nadal tamén se deixarán ver por Poio.
Papá Noel visitará as escolas infantís do municipio para repartir caramelos e ilusión entre os máis cativos. O xoves 17 de decembro pasará polo CEIP Espedregada, o CEIP Chancelas, o CEIP Isidora Riestra, o CEIP Lourido, O Sartal e a escola concertada de Campelo; mentres que ao día seguinte irá ao CEIP Viñas, a O Vao, a Portosanto e ás tres escolas infantís do concello. O Apalpador chegará o día 23 de decembro, ás doce da mañá, ao Parque da Memoria.
Ademais, a igrexa do Divino Salvador de Poio acollerá o domingo 20 de decembro, ás 18.00 horas, a décimo sétima edición do certame de panxoliñas da Coral de Poio. Nel, ademais da agrupación anfitrioa participarán o coro parroquial de Cela (Bueu) e a coral Máximo Patiño Méndez de Vilaxoán. Todas eles interpretarán un repertorio de panxoliñas e cancións tradicionais de nadal.
O ciclo de teatro afeccionado PoioEscena celebrará, pola súa banda, a súa última función do ano o domingo 27 de decembro. Será ás sete da tarde na Casa do Pobo de Samieira cunha sesión moi especial. Haberá un espectáculo de maxia e humor a cargo do mago Deimi e, ás oito, representarase a obra Miña naiciña, do grupo de teatro Fonte da Tella, na que baixo un prisma de humor, reflíctese o trato que a sociedade moderna dá aos nosos maiores.
A biblioteca municipal, situada en Campelo, será o escenario no que o venres 18, ás seis da tarde, teña lugar a actividade Os contos que me contaron que busca divulgar a tradición oral popular. O martes 22, ás 13.30 horas, haberá un sorteo de libros entre os lectores do centro e o martes 29, a partir das doce da mañá, está previsto un obradoiro creativo de manualidades e, ás 13.30 horas, darase un premio aos usuarios máis activos do ano.
CABALGATA DE REIS
Para o remate da programación queda a tradicional cabalgata de Reis que, un ano máis, celebrarase o 5 de xaneiro. Manterá o seu percorrido habitual e sairá desde diante do Concello sobre as catro da tarde e chegará á Seca ás sete. Tras partir da praza do Mosteiro irá pasando por Campelo, Lourido, A Barca, San Salvador, San Xoán, Combarro, Samieira, Raxó e A Seca. Todos os caramelos que se repartirán son aptos para celíacos.
Ademais, desde as 16.30 horas o pavillón co CEIP Isadora Riestra (A Seca) acollerá unha gran festa, aberta a todo o público e de balde, con animación, inchables, obradoiros de maquillaxe de fantasía, globoflexia, manualidades e xogos populares, coa visita dos Reis Magos arredor das sete e a continuación, o espectáculo de maxia e humor Historia de un Ilusionista! co Mago Rafa. Contra as 18.30 horas, entregaranse os premios do concurso de tarxetas de Nadal.
Relacionadas:
-
Os Reis Magos participarán nunha cabalgata e unha festa infantil en Poio
Por Redacción |
-
Cava especial para nenos na festa fin de ano do Ludonadal de Poio
Por Redacción |
-
Unha tarxeta deseñada por unha nena de dez anos felicitará as festas do Nadal en Poio
Por Redacción |
-
Cadro en óleo solidario
Por Redacción |