Valentín García Escudero, á espera do visto bo de Patrimonio
Por Alejandro Espiño
A cubrición dos restos arqueolóxicos da praza Valentín García Escudero só depende do visto bo da Dirección Xeral de Patrimonio. O proxecto remitido polo Concello de Pontevedra está sendo estudado por técnicos do departamento autonómico. Executarase en fases e o goberno municipal asegura ter todo preparado para comezar a obra cando reciban a autorización pertinente.
O proxecto remitido a Patrimonio suporá cubrir aproximadamente o 40 por cento da escavación actual, principalmente as zonas máis próximas á Praza do Peirao e á rúa Sierra. Trátase dunha actuación que ten un custo duns 76.000 euros, que se reparten entre os traballos de conservación do conxunto, a cubrición dos restos e o tratamento axardinado en superficie.
Aproveitarase ademais para realizar un levantamento topográfico en 3D con tecnoloxía de láser e escáner, xerando unha serie de ortoimaxes modalizadas. O obxectivo deste traballo é trasladar a formato dixital os restos arqueolóxicos achados na zona, segundo o concelleiro de Patrimonio, Luís Bará, "para posteriores usos de conservación que nos permitirán facer unha reconstrución virtual da ponte e do peirao medieval".
Nunha fase posterior cubrirase os demais restos arqueolóxicos. Son os que teñen un maior valor e que corresponden á ponte descuberta na zona e ás ruínas do peirao medieval. Di Bará que se optou por dividir a actuación, porque nesta segunda fase tamén deberá emitir un informe o organismo de protección do Camiño de Santiago ao estar afectado parte do camiño portugués.
En todo caso, o Concello de Pontevedra pretende integrar toda esta contorna coa Ponte de O Burgo. O paso do camiño portugués por Valentín García Escudero terá un tratamento diferenciado do resto e conectará coa vella ponte, que tamén cambiará o seu aspecto. O goberno municipal pretende crear unha plataforma única, elevando o asfalto ao nivel das beirarrúas. Estúdase ademais a posibilidade de habilitar un uso principalmente peatonal.
Relacionadas:
-
Bará cualifica de "trilerismo político" a actitude de Patrimonio con Valentín García Escudero
Por Alejandro Espiño |
-
O PP denuncia o "completo abandono" da praza Valentín García Escudero e urxe solucións
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello cubrirá "moi pronto" os restos arqueolóxicos da praza Valentín García Escudero
Por Redacción |