Unha "operación acordeón" para converter Turismo de Sanxenxo en empresa municipal
Por Redacción
A corporación de Sanxenxo aprobou na sesión plenaria deste luns 30 a proposta de reformulación da sociedade mixta Turismo de Sanxenxo nunha empresa municipal. A través dunha "operación acordeón" poderase reducir o capital social da empresa a cero e simultaneamente realizar unha ampliación de capital con cargo á débeda que Turismo de Sanxenxo SL mantén co Concello.
O Concello non terá que facer ningunha achega económica e desaparece do accionariado o Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, que tiña o 25% das participacións da sociedade. Con esta medida evítase a súa disolución debido ás perdas económicas acumuladas e dáse resposta á Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local de 2013 que obriga ás administracións públicas a adoptar medidas correctoras nas sociedades sociedades públicas deficitarias.
Unha vez resolta a disolución legal de Turismo de Sanxenxo, os órganos de goberno societarios da empresa, nos que participará tamén o Consorcio de Empresarios Turísticos, decidirán e daranlle contido para permitirlle ter viabilidade no futuro. Ademais da operación económica, a proposta do Concello inclúe unha auditoría interna das contas da ata agora sociedade mixta.
O goberno local considera importante poder contar coa infraestrutura e experiencia de Turismo de Sanxenxo, tendo en conta que a promoción turística e a explotación dos recursos turísticos é un dos seus obxectivos.
ESTACIÓNS NÁUTICAS
Doutra parte, tamén este luns 30 desenvolveuse unha xornada de traballo organizada por Estacións Naúticas. Preto dunhas vinte empresas de aloxamento e lecer participaron no Pazo Emilia Pardo Bazán nesta convocatoria. Así coñeceron con detalle o proxecto Creación da Rede de Estacións Náuticas de Galicia.
O alcalde, Gonzalo Pita, que participou na inauguración da xornada, defendía as vantaxes que "pode ter a fórmula de Estacións Náuticas combinando un enfoque de promoción con turismo e unha nova colaboración entre administración e iniciativa privada".