En Galicia publícanse o dobre de noticias negativas relacionadas cos xitanos que no resto de España
Por Redacción
A organización non gubernamental Unión Romaní presentou este luns na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación as conclusións do décimo segundo informe "¿Periodistas contra el racismo? La prensa española ante el pueblo gitano 2014", no que se advirte que o 41,8% das noticias publicadas en Galicia ao longo do pasado ano que facían referencia ao pobo xitano reflectían unha imaxe negativa desta comunidade, unha cifra que está moi por riba da media estatal, o 20,4%.
O informe da Unión Romaní, financiado polo Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad, reflicte que a información sobre xitanos continúa realizándose “de maneira parcial e estereotipada”. O informe inclúe por primeira vez unha análise das fotografías publicadas nestas noticias, do que conclúen que o 16% das imaxes empregadas eran “tendenciosas”.
No conxunto do Estado, Galicia sitúase neste estudo como a terceira con maior número de novas publicadas sobre os xitanos, tras Madrid e Andalucía, cun total de 389, un 17% do total e unha cifra moi superior ás 93 do ano anterior.
Galicia é a segunda na que a porcentaxe de novas catalogadas como negativas foi máis elevada, só por detrás do 50% de Baleares, que por outra banda foi unha das comunidades nas que menos novas se publicaron sobre os xitanos.
O presidente desta ONG, Juan de Dios Ramírez-Heredia, sinalou a importancia de "gañar a batalla nos medios de comunicación social" para que o labor que diferentes organizacións e colectivos veñen desenvolvendo a prol da integración desta comunidade "sirva para algo".
"A valoración fue hecha no por profesionales, sino por un grupo de gitanos y gitanas", que analizaron 2.273 noticias publicadas por 268 xornais e medios dixitais de toda España, así como de varios programas de televisión.
O presidente da Unión Romaní, que foi tamén deputado no Congreso e no Parlamento Europeo, sinalou que a comunidade xitana, que integran preto de 750.000 persoas no conxunto do Estado, ten a necesidade de rachar cos “sambenitos que pesan sobre nós desde hai tantos anos e polos que para moita xente os xitanos somos a expresión da mentira, o roubo, o engano e o comportamento incívico”.
De aí que Ramírez-Heredia aludise ao código deontolóxico que seguen os medios británicos, que pon de relevo “que o xornalista non fará referencia á raza, cor da pel, cultura ou orixe, cando se trate de informar sobre feitos pexorativos”, para a incidir que no tratamento mediático está “a gran campaña sobre a que se ten que sustentar a inserción da comunidade xitana no noso país”.
Pola súa banda, Periodistas contra el racismo sitúa como “materia pendente” a consulta de fontes pertencentes a esta comunidade, que non se realizou no 69% dos casos, á vez que alerta do “discurso do odio” presente nos medios dixitais a través dos foros e redes sociais e condena a visión “caricaturizada, en formatos moi sensacionalistas” que se realiza deste pobo nos medios audiovisuais.