A Policía dá o alto a dous mozos, un bota a correr e ao outro atópanlle 30 gramos de haxix
Por Natalia Puga
Un control aleatorio da Policía Nacional na estación de autobuses de Pontevedra na mañá deste luns derivou na identificación de dous mozos por un delito contra a saúde pública e outro de desobediencia. Un deles foi 'pillado' con máis de 32 gramos de haxix encima e o outro fuxiu dos policías que lle deron o alto e foi necesario perseguilo pola rúa Eduardo Pondal.
Os dous mozos son veciños de Pontevedra e teñen 19 e 21 anos. Fontes policiais confirmaron que non chegaron a ser detidos, senón investigados, unha nova figura policial existente tras as últimas reformas legais. Tras pasar pola Comisaría Provincial e lerlle os seus dereitos, quedaron en liberdade ata que lles chame o xulgado.
Todo ocorreu sobre as 12.00 horas deste luns. Os policías realizaron un control na estación de autobuses e, xusto despois, atopáronse na rúa Eduardo Pondal con dous mozos aos que viran na estación, de modo que lle deron o alto porque lles levantaron sospeitas.
Nese momento, un deles botou a correr, de modo que os axentes o perseguiron e acabou sendo interceptado pouco despois. Foi denunciado por un delito de desobediencia e comunicáronlle que os feitos serán postos en coñecemento do xulgado.
O segundo si respondeu o requirimento policial, identificouse e os axentes pedíronlle que lles mostrara se o que levaba encima. Atopáronlle unha caixa con dúas pezas do que parecía ser haxix e que, tras analizalo na Comisaría, confirmouse que supoñía 32 gramos desa sustancia. Investígano por un delito contra a saúde pública.